A demanda de tratamentos da Unidade de Tabaquismo da USC para deixar de fumar disparouse co comezo do ano
A Universidade de Santiago, a través da súa Unidade de Tabaquismo, está a contribuír a que moitas persoas deixen de fumar. De feito, dende que comezou o ano, a demanda disparouse e, na actualidade, estanse a atender a 60 fumadores e se espera que, antes de que remate o mes, as solicitudes rolden o centenar, segundo manifestou o director do programa, o catedrático Elisardo Becoña. Trátase dunha cifra alta, posto que ao longo de 2010, o número total de persoas atendidas polo centro foi de 280, entre tratamentos e seguimentos de deshabituación do tabaco. A USC, a través da Unidade de Tabaquismo da Facultade de Psicoloxía, ofrece axuda para deixar de fumar a quen o desexe. Trátase dun tratamento gradual que consiste na realización de tarefas sinxelas para debilitar paulatinamente os compoñentes fisiolóxicos (a dependencia da nicotina), psicolóxicos (hábitos) e sociais (presión ao consumo). As persoas que desexen seguir este tratamento deben chamar aos teléfonos 881 813 939/ 784/729, onde poden solicitar información e anotarse para participar no programa. As terapias presenciais, tanto individuais como en colectivas, son totalmente de balde, mentres que quen queiran recibir información e seguir o tratamento a distancia deberán abonar os gastos de envío postal. As persoas que decidan optar por este último sistema obterán tamén apoio psicolóxico vía telefónica. Os cursos realízanse ao longo de todo o ano, en atención á demanda existente no momento, e soen ter unha duración media de seis semanas por persoa. Nos seus máis de 25 anos, a Unidade de Tabaquismo de Santiago de Compostela ten contribuído a que case 11.000 fumadores teñan deixado o hábito a través de algún dos programas postos en marcha dende o ano 1984 polo centro. Un dos principais motivos alegados polos participantes á hora de participar nos tratamentos é a saúde, aínda que nos últimos anos tamén se aduciu a motivos económicos e de dependencia como outras das causas para deixar de fumar.