Pasar al contenido principal

A música clásica volve a Lugo cunha nova edición dos ciclos ‘Músicas a carón da Mosqueira’ e ‘Músicas na Vidreira’

De esquerda a dereita, Antonio Veiga, Pedro García Herradón, Nuria Mundiña, Paloma Lugilde e Fernando Gómez Jácome.
De esquerda a dereita, Antonio Veiga, Pedro García Herradón, Nuria Mundiña, Paloma Lugilde e Fernando Gómez Jácome.
O programa comeza o vindeiro sábado 22 de xaneiro co concerto inaugural a cargo de Solo Voces e a Orquestra Vigo 430

Representantes das institucións que conforman o proxecto Lugo Cultural presentaron este luns 17 a nova edición do ciclo de música clásica ‘Músicas a carón da Mosqueira’, que contempla sete recitais de estilos e formacións moi variadas que se repartirán ao longo de todo o ano pola cidade de Lugo.

Ao mesmo tempo tamén foi dada a coñecer a axenda de actuacións do ciclo ‘Músicas na Vidreira’ que pretende achegar a música a varios espazos universitarios e ás rúas da cidade a través de diferentes actuacións de 20 minutos de duración. O primeiro dos concertos terá lugar o 24 de xaneiro a cargo de alumnos do Centro Autorizado Profesional de Música Galén ás 14:00 horas na Vidreira de Veterinaria.

Na a presentación interviñeron o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o delegado de Cultura da Deputación Provincial, Antonio Veiga; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Nuria Mundiña; o director da formación vocal Solo Voces, Fernando Gómez Jácome; e a encargada da oficina de Cultura do Campus de Lugo, Paloma Lugilde. Apertura ‘Músicas a carón da Mosqueira’ O concerto inaugural de ‘Músicas a carón da Mosqueira’ correrá a cargo do grupo vocal Solo Voces e maila Orquestra Vigo 430 que actuarán xuntos e por separado nunha sesión que se celebrará o 22 de xaneiro no Círculo das Artes ás 20:30 horas, horario no que se fixan os restantes concertos deste ciclo. Entre as pezas que interpretarán está por un lado a Suite en estilo antigo do autor Andrés Gaos, por parte da formación instrumental, e as obras Un bico e Negra Sombra do compositor Juan Montes. O concerto rematará coa interpretación conxunta doutras tres obras en homenaxe ao músico Montes, A Misa de Defuntos, a Misa en honor do Apóstolo Santiago e o Te Deum. A formación sinfónica de Vigo está formada na súa maioría por músicos profesionais, aínda que incorpora a destacados intérpretes de canteira, principalmente galegos, pero sen negarse a contar con outros compoñentes de formación foránea. Alejandro Garrido dirixe a orquestra, que interpreta pezas de distintas épocas, autores e estilos e na que é de gran interese o achegamento histórico aos séculos XVIII e XIX. Pola súa banda, o grupo vocal lugués, dirixido por Gómez Jácome, traballa en diversos ámbitos do repertorio coral, brillando especialmente a súa atención á música antiga e aos autores locais como é o caso de Juan Montes. A piques de presentar un novo CD sobre ‘Dous Séculos de Música Lucense’, Solo Voces consolídase no panorama musical galego con outras iniciativas que teñen mesturado a música coa poesía e alternado rexistros máis serios con doses de humor. O programa de ‘Músicas a carón da Mosqueira’ terá continuidade no mes de febreiro prolongándose durante o resto do ano con actuacións que achegarán diversos instrumentos e voces a través de intérpretes como Cristina Pato e Rosa Cedrón, que actuarán na Praza de Santa María o vindeiro 20 de xuño dentro da súa xira Soas. Desta maneira, estas recoñecidas artistas darán cumprimento ao obxectivo de Lugo Cultural de recuperar espazos escénicos, tal e como destacou Paloma Lugilde. Estes concertos, todos eles a cargo de artistas de grande experiencia e prestixio, terán lugar no Salón Rexio do Círculo das Artes, no E=mc2 e na Praza de Santa María. Músicas na vidreira ‘Músicas na vidreira’ complementa dende o pasado ano a oferta de ‘Músicas a carón da Mosqueira’ ao tempo que pretende servir de apoio aos novos intérpretes lugueses que, cos seus diferentes conservatorios ou agrupacións, ofrecen actuacións musicais duns vinte minutos repartidos este ano entre a vidreira de Veterinaria, a sala E=mc2, a sede do IBADER e as rúas do centro da cidade. Nesta actividade participarán o Conservatorio Profesional de Música de Lugo, o Centro Autorizado Profesional de Música Galén, o Conservatorio de Música Profesional de Fingoi e a Escola de Música Fábrica de Sons. As persoas interesadas en obter máis información sobre estes ciclos ou o resto da programación de Lugo Cultural poden facelo proximamente na web www.lugocultural.es. Lugo Cultural e a música Tanto ‘Músicas a carón da Mosqueira’ como ‘Músicas na Vidreira’ son parte dos ciclos do programa musical de Lugo Cultural, que engloba tamén o ‘Lubicán’, que ofrece música de grupos galegos, ‘Entre lusco e fusco’, que persegue a recuperación de espazos escénicos, ou ‘ Sonscreativos. O convenio Lugo Cultural está formado pola USC, o Concello de Lugo, Deputación de Lugo, Dirección Xeral de Promoción e Difusión de Cultura da Xunta e Caixa Galicia e está xestionado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade da USC. Esta programación foise estabilizando durante os últimos anos na cidade e consta de varios ciclos que albergan outras disciplinas coma o teatro ou a danza.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.01.2011.