Produción científica, actitude medioambiental ou calidade da investigación avalan a proxección internacional da USC
A profesora María José Alonso acaba de ser recoñecida polo ranking ‘The Time Higher Education’ entre os dez investigadores de todo o mundo con maior impacto no apartado de Farmacoloxía e Toxicoloxía, sendo ademais a única muller española da relación. Esta listaxe destaca a aqueles científicos polo grao de impacto e difusión dos seus traballos publicados en revistas científicas. O recoñecemento acadado pola profesora Alonso súmase aos rexistros alcanzados pola USC en diferentes rankings tanto nacionais como internacionais que a sitúan entre as principais institucións universitarias do mundo. Este é o caso do Academic Ranking of World Universities (ARWU) que publican dende 2003 o Center for World-Class Universities e o Institute of Higher Education of Shanghai Jiao Tong University de China. A Universidade compostelá figura neste estudo entre as 500 primeiras máis importantes universidades do mundo, tanto na edición de 2009 como na última de 2010. O ARWU utiliza seis indicadores obxectivos para clasificar universidades atendendo ao número de alumnos e profesores que teñan gañado premios Nobel e Medallas Fields, aos investigadores altamente citados seleccionados por Thomson Scientific, aos artigos publicados nas revistas Nature e Science e aos indexados en Science Citation e ao rendemento per cápita con respecto ao tamaño da institución. GreenMetric Outro eido no que a Universidade compostelá obtén un resultado destacado é no medioambiental. No ranking GreenMetric que avalía o compromiso das universidades de todo o mundo cara o desenvolvemento de accións de desenvolvemento sostible, a USC atópase no posto 68, sendo a quinta institución universitaria española da listaxe. A puntualización reflicte os esforzos realizados polas universidades para levar a cabo políticas de medio ambiente e sustentabilidade. Neste senso, o ranking pretende facer identificables ás institucións que “están liderando o camiño neste senso”. ISI Recentemente coñecíase o Ranking ISI das Universidades Españolas que coloca á Facultade de Matemáticas da USC no segundo lugar dentro do campo investigador das Matemáticas no período que vai dende 2005 a 2009. Esta listaxe está elaborada por investigadores das Universidades de Granada e Navarra co fin de medir a capacidade de xerar coñecemento baseándose na investigación publicada nas revistas internacionais de maior impacto e visibilidade. Matemáticas acada ademais a mellor cualificación entre os centros da USC no que se refire á totalidade das áreas científicas analizadas neste período, pero hai outros campos ben destacados como é o que agrupa ás Ciencias Agrarias, e que conta co terceiro posto no seu ámbito. Outros campos tamén ben situados son o da Química e o das Ciencias Biolóxicas. Ambas áreas contan coa sétima posición dentro do total das universidades contabilizadas de 2005 a 2009. Este ranking nace como froito da colaboración dos membros dos grupos de investigación ‘ Evaluación de la Ciencia y la Comunicación Científica - EC3’ das Universidades de Granada e Navarra e ‘Soft Computing and Intelligent Information Systems - SCI2S’ da Universidade de Granada. O ISI diferénciase doutros na súa organización por campos científicos, un total de doce, e non por grandes ramas de coñecemento de maneira que poida captarse mellor en qué especialidades as universidades son máis activas e influentes. O seu obxectivo principal é descubrir as fortalezas e debilidades do sistema universitario español de investigación en diferentes ámbitos do coñecemento. Psicoloxía Nesta mesma liña, sete profesores da Facultade de Psicoloxía da USC atópanse entre os docentes funcionarios desta área máis produtivos de toda España, segundo dous artigos publicados na revista Psicothema. No primeiro caso, analizouse a produción científica dos profesores atendendo aos artigos rexistrados na base de datos Web of Science, ordenando os rexistros en funcións das seis áreas temáticas arredor das que se articula os estudo de Psicoloxía. Así, Elisardo Becoña, en Personalidade, avaliación e tratamento psicolóxico; Jesús Salgado Velo e José M. Sabucedo, en Psicoloxía Social; e Alfredo Campos García, e Psicoloxía Básica, atópanse entre os docentes cunha maior produción. No capítulo das teses de doutoramento dirixidas, Agustín Dosil Maceira sitúase entre os vinte profesores funcionarios de Psicoloxía de toda España que máis teses dirixiron, dezaseis en total. Xa no seu campo específico, Psicoloxía Evolutiva e da Educación, o profesor Dosil ocupa o sexto posto da escala, moi de preto do primeiro, o doutor Hernández Hernández da Laguna con dezanove teses. Os outros dous profesores máis produtivos neste eido serían Constantino Arce Fernández da área de Metodoloxía das Ciencias do Comportamento, pola dirección de once teses, e Fernando Cadaveira Mahía con oito teses no ámbito da Psicobioloxía.