A USC inicia unha campaña de aforro e eficiencia enerxética nas súas instalacións

‘O teu xesto conta’ é o lema dunha campaña que a USC iniciou para o desenvolvemento de medidas de aforro e eficiencia enerxética no conxunto das súas instalacións en Santiago e Lugo. Estudantes, persoal docente e investigador e de administración e servizos son os principais destinatarios dunha campaña inspirada no respecto polo medio ambiente e polo que supón para o aforro enerxético. O plan deseñado pola institución académica tenta combinar actuacións encamiñadas a acadar melloras nas infraestruturas e nos sistemas de medición do consumo coa promoción de hábitos máis responsables por parte dos membros da comunidade universitaria. É por iso que os universitarios están a recibir ou recibirán en breve unha mensaxe electrónica sobre como á súa achega resulta determinante para o éxito da campaña. A Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible, integrada na Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade, pretenden con esta iniciativa reducir o consumo innecesario derivado da actividade universitaria cotiá. Para logralo, nesta primeira fase da campaña preséntanselle aos universitarios medidas sinxelas asociadas aos seus hábitos cotiás que inciden de xeito directo no consumo enerxético da Universidade. Esta primeira comunicación difundida entre os universitarios reúne un conxunto de recomendacións relativas á utilización habitual das instalacións eléctricas, calefacción, illamento térmico dos espazos, apagado de equipos ou utilización de ordenadores, aparatos de consumo eléctrico e utilización de equipamento de laboratorio, entre outros.