O reitor da USC resalta o papel da investigación técnica na transferencia de coñecementos á sociedade
Os campus de Santiago e Lugo contan cun total de 21 títulos técnicos, entre graos e másteres, adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior. Concretamente, trátase das enxeñarías Agrícola e do Medio Rural, Civil, Industrias Agroalimentarias, Procesos Químicos Industriais, Xeomática e Topografía e Forestal e do Medio Natural no campus lucense; e as de Informática e Química no compostelán. A estas, hai que engadirlle unha ampla oferta de másteres, 13 en concreto, dos que oito se desenvolven en Lugo e os restantes en Santiago. Así o resaltou o reitor da USC, Juan Casares Long, nunha conferencia impartida este martes no Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais, sobre ‘A influencia e o percorrido das titulacións tecnolóxicas na relación Universidade-Sociedade’. De feito, a transferencia de tecnoloxía e de coñecemento á sociedade por parte da USC foi un dos aspectos destacados polo reitor. Concretamente, Juan Casares sinalou algúns exemplos de transferencia nas distintas áreas de coñecemento. No eido da Enxeñaría, grupos da entidade académica colaboran actualmente en investigación sobre simulación numérica, información xeográfica para planeamento urbanístico, plataforma de enxeñaría da madeira estrutural, deseño, operación e control de plantas de tratamento de augas residuais industriais (con Tafisa, Calvo ou Garavilla) e urbanas (Espina e Delfín). Para rematar, Juan Casares resaltou tamén o papel das universidades como “factorías de coñecemento”. O reitor remachou que a USC captou 72 millóns de euros de recursos externos para I+D en 2009, a través de convocatorias, contratos e convenios e accións institucionais. Así mesmo, a universidade compostelán ocupa o sexto lugar en solicitudes nacionais de patentes.