Pasar al contenido principal

A Facultade de Física conmemora os seus trinta primeiros anos de existencia

A Facultade de Física conmemora os seus trinta primeiros anos de existencia
A Facultade de Física conmemora os seus trinta primeiros anos de existencia

Preto de 3.000 titulados/as, 367 teses defendidas, liñas de colaboración abertas co CERN, coa Axencia Espacial Europea, co Observatorio Pierre Auger, con universidades de Francia, Alemaña e Gran Bretaña son algúns dos indicadores que definen o dinamismo da Facultade de Física da USC nos seus primeiros 30 anos de existencia. Este aniversario do centro compostelán foi obxecto dun acto conmemorativo celebrado este venres no Colexio de Fonseca baixo a presidencia do titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, acompañado do reitor Juan Casares; do decano da Facultade, Luís Miguel Varela Cabo; e da secretaria do centro, Elena López Lago. Na sesión, que comezou cunha descrición da evolución histórica do centro, o profesor Varela Cabo apelou ao afianzamento dun sistema de ciencia e tecnoloxía forte para contrarrestar unha situación que semella “un longo pesadelo”. Para conseguir ese sistema, o decano demandou da administración autonómica unha especial atención dos axentes implicados, a definición de prioridades estratéxicas e un financiamento adecuado. Varela Cabo afirmou ter “problemas para reter ao persoal” en boa medida “pola seca de recursos” o que transcende a moitas liñas de investigación estratéxicas. A reivindicación de Luís Miguel Varela incluía tamén unha referencia ás “instalacións obsoletas” no eido da Física, para o que demandou apoio para alcanzar un centro singular que permita soster o desenvolvemento das múltiples liñas de traballo neste eido. Varela Cabo puxo o exemplo doutras economías nas que a inversión en I+D se sitúa arredor do 1 ou do 2 por cento para asegurar que “hai que investir no que é rendible para o futuro”, que concretou na docencia e na investigación. Nesta mesma liña e apelando á necesidade de consolidar a posición nacional e internacional que se ten alcanzado nos últimos anos, o decano tamén incidiu en que a fortaleza do sistema de ciencia e tecnoloxía descrito “non debe renunciar á investigación básica” como tampouco se debe discriminar outras áreas de coñecemento. Logo destes primeiros trinta anos de historia “seguiremos mirando cada ao futuro e se dispoñemos dos medios necesarios seguiremos acadando novos logros para que a ciencia progrese e á súa vez impulsar á industria”, concluíu. “Hoxe estar aquí ten un sentido que vai máis alá dunha cifra, dunha referencia histórica da Universidade” sinalou o reitor animando aos integrantes do centro a sentirse satisfeitos “por tanto feito en tan pouco tempo”. Casares deu o relevo ao presidente da Xunta de Galicia para quen a Facultade de Física é un bo exemplo da misión da educación universitaria na formación das persoas. Buscando paralelismos coa ciencia física, a partir dunha metáfora segundo a que a economía se está a comportar como a enerxía escura, Feijóo sinalou que a política en economía non se debe precipitar. “Todos deberíamos buscar un resultado útil, útil de verdade”, e neste sentido “non é tempo para improvisar”, dixo. Lembrando que “se non fose polos físicos non teríamos o actual nivel sanitario”, o titular da Xunta aposta por que do coñecemento se deriven aplicacións prácticas, porque “a investigación ten que ser posta en valor polo tecido produtivo” e que as empresas vexan rendible o apoio á universidade. Conferencia de Antonio Hernando

Para completar a xornada, Antonio Hernando Grande, premio Nacional de Investigación ‘Juan de la Cierva’ de transferencia tecnolóxica 2011 pronunciou a conferencia ‘Física en España e en Santiago durante os últimos 30 anos’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.11.2011.