Pasar al contenido principal

A nova edición do Máster en Atención Temperá formará a profesionais capaces de axudar a nenos e nenas vítimas de acoso escolar

Por primeira vez estudarase a figura dos menores no Dereito Civil, así como tácticas de educación en casos de morte en oncoloxía infantil - O prazo de preinscrición remata o 21 deste mes

Coa intención de ofrecer unha formación especializada na atención e avaliación dos diferentes trastornos nos nenos e nenas, o Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da USC organiza unha nova edición totalmente renovada do seu Máster en Intervención nos Trastornos do Desenvolvemento e Atención Temperá que, con dez edicións desenvolvidas, pasa agora a denominarse de Avaliación e Intervención en Atención Temperá. O prazo de preinscrición está aberto ata o vindeiro 21 de novembro. O posgrao que dirixe a profesora mjosecarmen.buceta [at] usc.es (María José Buceta) introduce por primeira vez materias xurídicas para coñecer o papel dos menores no Dereito Civil. Ademais, abórdanse as especificidades dos nenos e nenas prematuros e se analizan as diferentes técnicas para tratar situacións de acoso escolar ou maltrato infantil. Así mesmo, inclúense técnicas de educación para a morte en oncoloxía infantil e diferentes técnicas de intervención en menores que presentan trastornos físicos ou mentais como síndrome de Down, autismo o algún minoritario ou enfermidade rara. Nesta edición o equipo docente está composto por un grupo interdisciplinar de docentes especializados en Medicina Forense, Neuropediatría, Medicina Preventiva Dereito, Paidosiquiatría, Pedagoxía, Xinecoloxia, Xenética, Psicoloxía e Pediatría, entre outras disciplinas. Prácticas en centros especializados O Máster, que ten solicitado o certificado de interese sanitario, diríxese a psicólogos, psicopedagogos, pedagogos, médicos, traballadores sociais, logopedas, fisioterapeutas, mestres especializados en audición e linguaxe e en educación infantil, así como enfermeiros.

Na docencia -que será semipresencial- combinarase tanto a exposición teórica como a presentación de casos. Ademais, o alumnado realizará prácticas en centros específicos de atención temperá como a Unidade de Atención Temperá da USC, o Sergas, concellos, escolas infantís e o Hospital Central de Asturias.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.11.2011.