Pasar al contenido principal

A comunidade científica galega que investigou as consecuencias do Prestige reuniuse este xoves en Bioloxía

A comunidade científica galega que investigou as consecuencias do Prestige reuniuse este xoves en Bioloxía
A comunidade científica galega que investigou as consecuencias do Prestige reuniuse este xoves en Bioloxía

Persoal científico das universidades galegas e de centros de investigación reúnense este xoves en Bioloxía para debater acerca das investigacións levadas a cabo entre 2003 e 2008 sobre os efectos da vertedura do Prestige. A xornada, organizada pola USC e o Consello da Cultura Galega (CCG), serve como presentación do volume Recursos en I+D+i dedicados ao estudo dos efectos da vertedura do Prestige (2003-08). Avaliación e xuízo critico de maneira que os autores presentarán en diversos relatorios os distintos capítulos do volume. Dos autores, cinco pertencen ás Universidades galegas -Federico Vilas Martín, Elsa Vázquez, Albino Prada, María X. Vázquez e Victoriano Urgorri-, dous ao Instituto de Investigacións Mariñas do CISC de Vigo -Juan José González e Juan Bellas Bereijo-, outros dous ao CSIC -Beatriz Morales-Nin e Fiz Fernández Pérez-, e un á Universidade do País Vasco, Ionan Marigomez Allende. No libro, que coordinan Victoriano Urgorri e Marcos P. Señarís, recompílase a relación, o máis completa posible, dos diferentes proxectos de investigación realizados sobre a marea negra do Prestige. Cada investigador dá así conta de diversos estudos, comezando por unha avaliación xeral da implicación da comunidade científica galega na marea negra do Prestige, que van dende a problemática asociada ao pecio ou a aplicación da oceanografía operacional aos derramos de hidrocarburos ao impacto socioeconómico da vertedura e as súas consecuencias sobre os sistemas biolóxicos. A xornada ‘Recursos en I+D+i dedicados ao estudo dos efectos da vertedura do Prestige (2003-08). Avaliación e xuízo crítico’ inaugurouse nun acto no que interviñeron a decana da facultade, Luz González Caamaño, e os científicos da USC Francisco Díaz-Fierros e Victoriano Urgorri. A clausura, prevista para as 19.00 horas, contá ademais coa participación do reitor da USC, Juan Casares Long, e do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.11.2011.