Pasar al contenido principal

A revista Obradoiro de Historia Moderna dedica o seu número 20 ao ‘Poder, imaxe, opinión pública e propaganda na Idade Moderna’

A revista Obradoiro de Historia Moderna dedica o seu número 20 ao ‘Poder, imaxe, opinión pública e propaganda na Idade Moderna’
A revista Obradoiro de Historia Moderna dedica o seu número 20 ao ‘Poder, imaxe, opinión pública e propaganda na Idade Moderna’

A revista Obradoiro de Historia Moderna presentou este venres 11 un novo número da súa colección, o 20, cun acto no Salón de Actos da Facultade de Filosofía onde paralelamente se celebra o V Seminario do Obradoiro de Historia Moderna dedicado ao tema ‘Reformismo borbónico: presupostos teóricos e concreción práctica’. A presentación deste volume contou coa presenza do director do Servizo de Publicacións da USC, Xoán Blanco Valdés; a directora e o secretario da publicación, María do Carme Saavedra e Isidro Dubert; e o responsable do número monográfico, Roberto J. López López. Esta revista é unha das dúas ás que a Universidade de Santiago ten outorgado o selo de calidade ‘USC, editora’ e goza dun recoñecido prestixio tanto no ámbito nacional como internacional. O presente número é un monográfico composto por unha serie de estudos elaborados por especialistas de distintas universidades españolas e portuguesas arredor do tema ‘Poder, imaxe, opinión pública e propaganda na Idade Moderna’. Entre os asinantes do artigos incluídos atópanse expertos como J. Martínez Millán (Universidade Autónoma de Madrid), E. Serrano Martín (Universidade de Zaragoza), J. P. Paiva (Universidade de Coimbra), R. J. López (Universidade de Santiago de Compostela), J. J. García Bernal (Universidade de Sevilla) ou A. Presedo Garazo (Universidade de Vigo), entre outros. Nos textos propostas abordan cuestións relativas ao papel histórico que na sociedade española e galega do Antigo Réxime xogou a imaxe do rei nas celebracións e cerimonias públicas, a arte como elemento propagandístico do poder, o impacto da propaganda na cultura da guerra ou a traxectoria da opinión política na España moderna. USC, editora ‘USC, Editora’ é a denominación comercial que dá cabida a unha serie de publicacións financiadas total ou parcialmente polo Servizo de Publicacións da universidade compostelá e sometidas a un sistema propio de avaliación. O selo nace como resposta ás crecentes iniciativas a prol de salientar e visibilizar a calidade e rigor das publicacións universitarias. Todos os orixinais publicados neste selo son sometidos a un sistema de avaliación por pares, que son sempre expertos alleos á USC. Ademais, os textos son revisados por editores pertencentes ás areas de coñecemento correspondentes e requiren da aprobación final da Comisión de Publicacións, nun proceso que se explica na páxina de créditos de cada orixinal de ‘ USC, Editora’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.11.2011.