Pasar al contenido principal

Comunicación e desenvolvemento reúnen nunha nova rede a grupos de investigación de dous continentes

Participarán expertos en economía, política, socioloxía, dereito e comunicación españois, europeos e latinoamericano

Representantes dos quince grupos que conforman a Rede Europa América Latina de Comunicación e Desenvolvemento (REAL_CODE) daranse cita en Santiago de Compostela durante o seu primeiro Encontro, dende o vindeiro luns 28 ata o día 2 de decembro na Facultade de Ciencias da Comunicación. Como sinalan os seus promotores, a pesar de que por separado comunicación e desenvolvemento constitúen dous elementos centrais na investigación das Ciencias Sociais contemporáneas, son contados os departamentos europeos que combinan ambos os dous conceptos nas súas liñas de traballo. Pola contra, varios grupos de investigación latinamericanos teñen desenvolvido unha importante actividade conceptualizadora e de investigación neste eido. Esta constatación, xunto á evidencia da necesidade de desenvolver estratexias de traballo transdisciplinares e en rede, moveu a catro grupos de investigación do Sistema Universitario Galego a promover a creación desta nova rede que conta co apoio, para a súa consolidación, da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria a través dunha liña de financiamento dos fondos FEDER. A este núcleo promotor de base galega (conformado polos grupos CIDACOM da USC, ECRIM da UdC e CP2 e HI2 de UVigo), únense polo momento cinco grupos do resto do Estado (das universidades de Salamanca, Estremadura, Sevilla, Rey Juan Carlos de Madrid e Autónoma de Barcelona), tres europeos (Universidade da Beira Interior-Portugal, Université de Nice-Sophia Antipolis e Sud Toulon-Var, en Francia; e o grupo Ørecomm das universidades de Malmö, Suecia, e Roskilde, Dinamarca) e tres latinamericanos (Universidade Autónoma de México, Uniminuto de Bogotá, Colombia e a Universidade de Sergipe, Brasil). Os grupos integrantes da rede proveñen maiormente do ámbito das Ciencias da Comunicación, pero tamén da economía política, a socioloxía ou o Dereito. En todo caso, engaden os organizadores do encontro, comparten unha perspectiva multidisciplinar para a abordaxe da comunicación e o desenvolvemento nun sentido amplo e superador de vellas concepcións. Nesa mesma liña, o primeiro Encontro da REAL_CODE xuntará a membros de todos os grupos integrantes para consensuar unha definición dos conceptos centrais en torno aos que deberá xirar a súa estratexia común. Durante as primeiras dúas xornadas, as dos días 28 e 29, expertos da Rede como Francisco Sierra Caballero, da Universidade de Sevilla e especialista na relación entre a participación cidadá e as novas tecnoloxías da información; ou Amparo Cadavid, da UniMinuto de Bogotá e unha das maiores expertas en Participación e Medios Comunitarios, debaterán co resto de investigadores o modelo de Comunicación e de Desenvolvemento que debe promoverse nas sociedades contemporáneas, nun momento no que un certo determinismo tecnolóxico leva a esquecer a desigualdade no acceso ás novas tecnoloxías ou á propia linguaxe destes novos medios. Así mesmo, o concepto de desenvolvemento tende a reducirse ao crecemento económico capitalista, obviando concepcións mais amplas como a que representa o Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento, mais próximo á definición promovida pola REAL_CODE. Ao longo dos cinco días do Encontro, os membros da rede porán en común as súas perspectivas conceptuais, definiran estratexias conxuntas e posibles proxectos de traballo de acción e investigación, nos que ademais dos grupos universitarios será fundamental a participación da sociedade. Para isto, durante os días 1 e 2 de decembro os membros da REAL_CODE manterán xuntanzas con representantes de organizacións sociais e institucións, susceptibles de iniciar liñas de traballo conxunto coa Rede. Este primeiro Encontro presencial da REAL_CODE será continuado a través da plataforma virtual desenvolvida para facer posible a interacción de todos os seus membros. A plataforma, desenvolvida pola empresa galega A Navalla Suíza, estará operativa antes do Encontro para facilitar o traballo a distancia dos membros desta nova Rede de Investigación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.11.2011.