Pasar al contenido principal

O V simposio internacional ‘Opus Monasticorum’ interpreta o feito artístico como fenómeno cultural a través do mar

O grupo Iacobus da USC amplía no encontro o seu campo de estudo dende os ámbitos monástico e devocional ata as relacións artísticas de Galicia con outros territorios

O grupo de investigación Iacobus ‘Proxectos e estudos sobre patrimonio cultural’ da USC toma nesta ocasión o mar como referencia para o seu simposio internacional Opus Monasticorum. Nesta quinta edición, presentada co lema ‘En pé á beira. Olladas cara o mar coma imaxe, texto e pretexto ‘ o equipo compostelán amplía o seu campo de estudo dende os ámbitos monástico e devocional galego ata as relacións artísticas con outros territorios. Participarán no encontro reputados e reputadas especialistas das Universidades Pablo Olavide de Sevilla, Valencia e A Coruña, que con visións complementarias encontrarán no tema do mar o adecuado marco para fomentar as lecturas multidisciplinares e achegar novas luces para a interpretación do feito artístico como fenómeno cultural. O V simposio internacional Opus Monasticorum desenvolverase os días 28 e 29 de novembro no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) e o día 30 no Auditorio do Centro Social Novacaixagalicia, na Praza de Cervantes. As tres xornadas estrutúranse en seis sesións temáticas que agrupan os diversos relatorios e que comezarán coa dedicada a ‘mares e naves’ na que se tratarán cuestións como Santiago o Maior e o mar na arte compostelá, Sevilla e os negocios do mar na Baixa Idade Media ou os restos do naufraxio en imaxes. A sesión dedicada a ‘cidades e lugares’, tamén o día 28, inclúe intervencións sobre a auga e a imaxe da cidade na festa barroca de Sevilla, a iconografía urbana das cidades portuarias do Norte de España, o mosteiro de Santa Catalina de Montefaro ou a teoría dos centros artísticos e a súa aplicación nas Rías Baixas. ‘Devocións’ e ‘viaxes de ida e volta’ son os dous bloques do 29 de novembro, que inclúen relatorios sobre os santos e o mar e a iconografía terrestre, imaxes devocionais nos séculos XVII e XVIII, o Vía Crucis de San Francisco en Louro, as influencias na arquitectura indiana da costa norte galega, o mar na pintura de Dionisio Fierros, a importancia simbólica do mar na literatura modernista de Valle e a súa proxección na obra pictórica de Urbano Lugrís e algunhas consideracións sobre a actividade de Eugenio F. Granell nas Antillas. O encontro clausúrase o 30 coas sesións ‘mar de futuro’ -e charlas sobre a importancia dos espazos costeiros nos procesos de urbanización, os casos de Baiona e Hondarribia, o proxecto de musealización da Torre de Hércules- e a última de ‘redes e estruturas consolidadas’ na que se explicarán o HAAT e o proxecto histórico-arqueolóxico de Santa Comba (Ferrol) e os cambios paleoambientais na costa galega nos últimos 15.000 anos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.11.2011.