Dúas novas rutas de sendeirismo para o mes de decembro
A Universidade de Santiago organiza para este mes de decembro dúas novas rutas de sendeirismo por Touro e Carballiño. A primeira delas, chamada Ruta dos Tres ríos, será este sábado 3 e descorrerá polo concello de Touro cunha lonxitude aproximada de quince quilómetros e unha dificultade media debido á irregularidade do terreo. No camiño, por abundantes sendeiros de pescadores, pártese da vila de Touro para rematar no río Ulla, en Ponte Basebe. Unha vez aquí, quen o desexe poderá realizar un percorrido circular aproveitando parte da ruta da Ribeira do Ulla. O percorrido ten un alto interese natural e paisaxístico. Para o sábado 17 proponse un camiño entre Carballiño e Pazos de Arenteiro de catorce quilómetros aos que se poderán engadir optativamente outros cinco máis. A ruta iniciarase á beira do Arenteiro, en Carballiño, pasará por aldeas típicas e zonas de especial interese como a igrexa de San Mamede de Moldes, a ponte medieval de Castro Cavadoso e a aldea de Cabanelas e rematará na aldea de Pazos de Arenteiro. Unha vez aquí, os que aínda teñan folgos poderán continuar ata Leiro.