Pasar al contenido principal

A Escola de Doutoramento Internacional da USC desenvolve a segunda fase do seu programa de axudas para a realización de teses de doutoramento no eido das ciencias da vida

Unha investigadora traballando con mostras de sangue na USC
Unha investigadora traballando con mostras de sangue na USC

Elixir aos mellores e máis preparados novos titulados que teñan destacado nos seus estudos universitarios e queiran realizar unha investigación no campo das Ciencias da Vida nun contorno privilexiado e con grupos de calidade investigadora contrastada. Con esta filosofía arranca a segunda fase do programa de axudas predoutorais en réxime de concorrencia competitiva para a realización de teses de doutoramento no marco da Escola de Doutoramento Internacional de Ciencias Biomédicas e Tecnoloxías da Saúde (EDI). Logo da presentación de propostas por parte dos grupos de investigación, nesta segunda fase seleccionaranse candidatos para a realización de teses de doutoramento no eido das ciencias e tecnoloxías da vida baixo a dirección de investigadores doutores adscritos aos programas de doutoramento pertencentes á EDI. A convocatoria contempla axudas de ata un máximo de tres anos en forma de contrato con catorce mensualidades de 1.173 euros. As persoas interesadas poden presentar a súa solicitude ata as 14:00 horas do próximo 20 de setembro. Esta é unha iniciativa incluída na estratexia de captación de talento da Escola de Doutoramento Internacional, eido no que a EDI pretende ser un referente nas áreas relativas ás ciencias da vida aglutinadas ao redor de Campus Vida. Dende esta dimensión, a Escola centrará os seus esforzos en dar unha formación investigadora aos doutorandos pero tamén en provelos das ferramentas que lles permitan desenvolver a súa carreira profesional máis alá dos laboratorios.

As persoas interesadas en ampliar esta información poden consultar as bases da convocatoria na páxina web da Escola de Doutoramento Internacional http://www.usc.es/gl/centros/cptf/doutoramento/EscolaDoutoramento.html.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.08.2011.