Pasar al contenido principal

Ciencias da Comunicación reflexiona sobre o futuro do xornalismo en lingua galega

As xornadas celébranse na Facultade de Ciencias da Comunicación
As xornadas celébranse na Facultade de Ciencias da Comunicación
Organizadas pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación a proposta de integrantes da Liga Estudantil Galega comezan este martes 8

Representantes dos medios de comunicación en Galicia xunto a persoal investigador reúnense na Facultade de Ciencias da Comunicación nunha reflexión conxunta arredor da pregunta ‘Os medios en galego, importan?’. Organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación onde se vai celebrar ata o xoves 10, o encontro analiza o futuro do xornalismo realizado en lingua galega. O seu desenvolvemento conta co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC e xorde a proposta da Liga Estudantil Galego. O reitor Juan Casares presidiu o acto de inauguración das xornadas, no que estivo acompañado polo secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, Alfonso Cabaleiro, e polo decano do centro, Xosé Pereira. Este último abriu o acto salientando o mal momento que atravesa o idioma galego e máis particularmente no ámbito dos medios de comunicación. Respecto deste, Alfonso Cabeleiro afirmou que “os medios en galego son necesarios e imprescindible”. “O idioma é instrumento e ao mesmo tempo símbolo, un dos bens prezados cos que conta a nosa sociedade”, afirmou Juan Casares no arranque da súa intervención para engadir que a desaparición de medios de comunicación en galego “é unha gran perda que se pode remediar unicamente con traballo e con esforzo”. A transcendencia deste enfoque vai parella á consideración dos medios como “reflexo da sociedade” polo que “deben asumir o papel de arrastre nos eidos da cultura e da economía” e ”i dentificarse en todo cos seus respectivos públicos e contribuír á defensa dos seus intereses”, subliñou o reitor compostelán. O profesor Víctor Freixanes abriu o programa académica coa conferencia ‘A crise na prensa’, seguido da intervención do secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, e da profesora da Universitat Autònoma de Barcelona Mª Isabel Fernández que abordaron ás axudas institucionais á prensa. Para completar a sesión matinal José L. Gómez e Emma Torres, da Universidade de Vigo, presentan o relatorio ‘Publicidade e viabilidade comercial da prensa en galego’. Pola tarde, a partir das 16.30 horas, o programa comeza falando sobre o tema ‘Os lectores e os xornalistas. Difusión e lectura real da prensa en Galicia’ a cargo de Óscar Juanatey, da Universidade da Coruña, e do profesor da USC Miguel Túnez en representación do Consello da Cultura Galega. Para completar este primeiro día preséntase un informe de medios en galego a cargo do Colexio de Xornalistas e celébrase unha mesa de debate arredor de ‘Novos proxectos de prensa en galego’, coa participación de representantes de Sermos Galiza, Praza Pública e Tempos Dixital. ‘Prensa escrita en galego’ abre o programa de relatorio da sesión do mércores 9 a partir das 16.30 horas, continuando cun debate arredor dos ‘(Novos) modelos de prensa en galego’. Para completará a sesión unha mesa sobre ‘Modelos de financiamento do audiovisual e políticas públicas’. Medios en galego O programa deseñado trata de poñer a énfase na importancia de contar con medios de comunicación propios elaborados en lingua galega “para a saúde da identidade e da cultura galegas”, apuntan os seus promotores. Representantes dos medios de comunicación, profesionais e investigadores analizarán e reflexionarán sobre as pexas e as posibilidades da existencia de medios de comunicación en lingua galega. Os seus promotores sinalan como unha das súas metas “buscar unha reflexión conxunta da situación que viven medios en galego”, tanto á hora do seu consumo como da súa produción, “ abordando diferentes tipos de medios”. Así, o programa propiciará un debate sobre a viabilidade comercial da prensa en galego, achegará novos modelos de prensa en galego e mesmo avaliará a situación da industria audiovisual en Galicia, mediante a revisión dos modelos de éxito na televisión en galego e o achegamento ás posibilidades da radio e do cinema neste lingua. Está solicitado un crédito de libre configuración para todas as titulacións da USC por participar nas xornadas. As persoas que participen nesta actividade, que é totalmente gratuíta, recibirán un diploma de asistencia e aproveitamento, que se entregará tras a recepción dun pequeno traballo que aborde as cuestións tratadas durante as xornadas. Para máis información http://www.usc.es/snl/dinamiza/mediosengalego.htm.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.11.2011.