Presentación da ‘Cartografía dos apelidos de Galicia’
O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago presenta este venres, 29 de abril, a ‘ Cartografía dos apelidos de Galicia’, que ten como finalidade ofrecerlle aos usuarios unha ferramenta de investigación para coñecer a difusión territorial dos apelidos en Galicia. A ferramenta conta cun sistema de información xeográfica que combina estatística e análise espacial. Os coordinadores do proxecto, os profesores Ana Boullón e Xulio Sousa presentarán esta ferramenta, ás 11:15 horas, na Sala de Prensa do Colexio de San Xerome. A ‘Cartografía dos apelidos de Galicia’ ofrece información da frecuencia e distribución dos apelidos de Galicia a partir dos datos do censo de poboación, proporcionados polo Instituto Nacional de Estatística á Real Academia Galega. Así mesmo, os membros do equipo actualizan con regularidade a páxina web da cartografía coas achegas que reciben.