Continúa por diversos centros de Santiago e Lugo a Campaña de Doazón de Sangue
A Facultade de Química é o próximo destino que visitará a unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia no desenvolvemento da Campaña de Doazón de Sangue polas universidades galegas. As persoas interesadas en doar poderán facelo de 9.30 a 14.30 e de 15.30 a 21.00 horas na entrada principal do centro, onde estará instalada a citada unidade. Logo deste centro, o mércores 9 e o xoves 10, a campaña desprazarase á Facultade de Ciencias Políticas e á Escola de Relacións Laborais onde será posible doar en horario de 9.30 a 14.30 e de 15.30 a 21.00 horas e á Facultade de Ciencias da Comunicación, onde a Unidade estará aberta ao público ao carón do plató de televisión en horario de mañá, de 9.30 a 14.30 horas. Lugo No Campus de Lugo a campaña concentrarase arredor da escola de Enfermaría e de Relacións Laborais e da Facultade de Humanidades, coa instalación da Unidade Móbil no aparcadoiro, en horario de mañá (9.30 a 14.30) e tarde (15.30 a 21.00). As persoas que decidan participar nesta campaña deberán acudir almorzadas, deixando pasar dúas horas dende o momento do xantar. Antes da doazón, un médico realiza unha entrevista confidencial, para descartar calquera aspecto que a impida. Ademais, realízanse medicións de pulso e tensión sanguínea así como unha análise de sangue. Para doar é preciso ter máis de 18 anos, saúde normal e un peso superior aos 50 quilos e non padecer nin ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue (hepatite B, hepatite C, SIDA, ...). É un proceso que dura aproximadamente entre 5 e 7 minutos e para o que se emprega material estéril dun só uso, que se abre momentos antes de atender á persoa doadora. Os homes poden doar ata un máximo de catro veces ao ano e as mulleres ata en tres ocasións, deixando pasar entre cada vez un mínimo de dous meses. O volume se sangue extraído, 450 mililitros, recupérase nas dúas horas posteriores á extracción. 7.126 doazóns en 2010-2011 Durante o curso 2010-2011 nas universidades galegas rexistráronse 7.126 doazóns, cun incremento do 0,44 por cento con respecto ao exercicio anterior e unha taxa de 106 doazóns por cada 1.000 alumnos e ano, superando as recomendacións da OMS e da taxa media de Galicia neste mesmo senso.
Do total do espazo universitario galego, a USC foi a que rexistrou unhas cifras máis elevadas ao alcanzar 3.352 e unha taxa de 119 doazóns por cada 1.000 alumnos.