Pasar al contenido principal

A USC concédelle a título póstumo a súa Insignia de Ouro a Herminio Barreiro

O docente será obxecto dunha homenaxe este xoves 13 á que acude o conselleiro de Educación e o presidente da Real Academia Galega

O profesor Herminio Barreiro será o protagonista este xoves 14 dun acto homenaxe no que o reitor Juan Casares lle concederá a título póstumo a Insignia de Ouro da USC, o recoñecemento que a institución académica concede a aquelas persoas que sobresaian dun xeito especial nos servizos prestados á Universidade, ben pola súa duración ou pola súa especial relevancia. Esta homenaxe, que vai comezar a partir das 11:30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, está promovida polo Departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social, ao que pertencía o profesor Barreiro, e contará coa asistencia, entre outros, do conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, do presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Lois Méndez Ferrín, e do presidente do Consello Social, Manuel Puga Pereira. O profesor Vicente Peña Saavedra abrirá a quenda de intervencións lembrando a traxectoria académica do profesor Barreiro a partir de 1976. A continuación tomarán a palabra o director do Departamento promotor do acto, Antonio Rodríguez, e o presidente da RAG que pronunciará a conferencia Memorias de Mocedade. As intervencións do conselleiro e do presidente do Consello Social precederán á entrega da Insignia de Ouro da USC a título póstumo ao homenaxeado, que recollerá o seu fillo David Barreiro. Para rematar o acto, Uxía Senlle realizará unha lembranza musical. Herminio Barreiro (Dorrón-Sanxenxo), un dos integrantes do grupo Brais Pinto de estudantes galegos en Madrid, exerceu dende 1976 como profesor na Universidade de Santiago impartindo clases sobre Historia de Educación. Dirixiu a revista Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación que promoven as tres universidades galegas, aínda que se lle recordará sempre polo seu libro de memorias Recordar doe, publicado por Xerais e cuxa edición está case esgotada.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.04.2011.