Unha nova promoción da Licenciatura en Medicina celebrou o seu acto académico de graduación
O reitor Juan Casares presidiu este mércores 13 o acto académico de graduación dunha nova promoción da Licenciatura en Medicina, nunha sesión que se celebrou no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago. O profesor Arturo González Quintela, como padriño desta promoción, abriu a quenda de intervencións, na que lle seguiu Laura Lozano Guede que interveu representando aos alumnos da promoción. A entrega de diplomas conmemorativos da graduación deu paso ao decano da Facultade, Juan Gestal Otero. A promesa da Declaración de Xenebra, precedeu á clausura do acto, a cargo do reitor compostelán. Na mesa presidencial estiveron presentes, ademais do reitor e do decano, o presidente do Consello Social, Manuel Puga Pereira; a xerenta do CHUS, Rosa Bermejo; Francisco Barreiro Morandeira, en representación da Academia Médico Cirúrxica; e o presidente do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, ademais de membros do equipo decanal da Facultade e do cadro de persoal docente.