Pasar al contenido principal

Filosofía reúne as catedras Unesco de Cultura de Paz, Dereitos Humanos, Democracia, Cidadanía, Xénero, Interculturalidade e Migracións de España

As cátedras Unesco de Cultura de Paz, Dereitos Humanos, Democracia, Cidadanía, Xénero, Interculturalidade e Migracións de España reuniranse este venres 27 e o sábado 28 na Facultade de Filosofía da USC onde van celebrar un encontro que posibilite o intercambio de experiencias e coñecemento recíproco. A inauguración oficial do encontro celebrarase este venres ás 11:00 horas coa asistencia do presidente da Fundación Cultura de Paz e ex director xeral da Unesco, Federico Mayor Zaragoza; do reitor da USC, Juan Casares; o alcalde en funcións de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a director do Departamento de Dereitos Humanos da Unesco, Angela Melo; a secretaria xeral da Comisión Española de Cooperación coa Unesco, Consuelo Vázquez; o director da Cátedra Unesco de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC, Ramón Sánchez; e o presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, Manuel Dios. O programa proseguirá cunha quenda para a presentación de todas as cátedras participantes e entre as que se atopan as de Interculturalidade e Dereitos Humanos da Universidades Internacional de Andalucia; a de Mulleres, Desenvolvemento e Cultura da de Vic; a de Estudos Interculturais da Pompeu Fabra; de Cidadanía Democrática e Liberdade Cultural da Rioxa; de Políticas de Xénero e de Igualdade de Dereitos entre Homes e Mulleres da Autónoma de Madrid; de Cidadanía, Convivencia e Pluralisma da Pública de Navarra; e de Filosofía Per la Pau da Jaume I de Castelló. Representando á USC acoden a de Migracións e a de Cultura de Paz e Dereitos Humanos. Pola tarde, a partir das 19:00 horas, trataranse os acordos e conclusións da reunión de Cátedras Unesco celebrada en Bérgamo (Italia). Na xornada do sábado, analizaranse posibles vías de colaboración entre as cátedras participantes.

Promovida polo Seminario Galego de Educación para a Paz, a Fundación Cultura de Paz, a UNESCO, UNESCO Etxea e a Cátedra Unesco de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC, o encontro permitirá o intercambio de experiencias e a análise de posibilidades para posible acordos de colaboración que posibiliten os intercambios de profesorado e alumnado dos diferentes másteres que desenvolvan as cátedras implicadas. O coñecemento mutuo e o establecemento de redes de coñecementos son outros obxectivos perseguidos con esta iniciativa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.05.2011.