Pasar al contenido principal

Un investigador de Farmacoloxía edita un libro sobre proteómica de plaquetas coa editorial americana Wiley & Sons

Ángel García, no centro, acompañado de membros do seu equipo Andrés Fernández Parguiña (á esquerda) e Isaac Rosa Benito
Ángel García, no centro, acompañado de membros do seu equipo Andrés Fernández Parguiña (á esquerda) e Isaac Rosa Benito

O investigador Ramón y Cajal do Departamento de Farmacoloxía da USC e membro do grupo de investigación BioFarma, Ángel García Alonso, acaba de editar o libro Platelet Proteomics: Principles, Analysis and Applications, publicado pola prestixiosa editorial americana Wiley & Sons. Para o volume Ángel García, que participa cun artigo, escolleu como co editor ao seu colega Yotis Senis, da Universidade de Birmingham, á vez que convidou a desenvolver capítulos concretos aos principais investigadores no campo. Ángel García, formado entre a USC e a Universidade de Oxford, ten numerosas publicacións en revistas de considerable índice de impacto como Blood, Molecular & Cellular Proteomics, Journal of Thrombosis and Haemostasis ou PLos ONE, de aí que Wiley lle propuxera a edición deste traballo. O libro, o primeiro dedicado a unha área de investigación emerxente que naceu neste século, introduce ao lector no mundo da proteómica e das plaquetas tanto desde un punto de vista tecnolóxico como de aplicacións farmacolóxicas e de investigación biomédica. A importancia das plaquetas As plaquetas son células sanguíneas sen núcleo que se activan no momento en que se produce unha ferida, contribuíndo á formación do coágulo que evite a perda de sangue. O problema xorde cando en circunstancias patolóxicas as plaquetas se activan “de xeito indesexable” producindo un trombo que, por exemplo, “pode causar un ictus ao atascarse en vasos sanguíneos máis estreitos”, explica García. No caso do síndrome coronario agudo, o trombo que se forma trala rotura da placa de ateroma é o que acaba bloqueando as arterias coronarias dando lugar a un infarto agudo de miocardio. A proteómica ocúpase da análise do proteoma, o conxunto de proteínas presentes nunha célula, tecido ou fluído biolóxico. Esta tecnoloxía baséase en técnicas avanzadas de separación e análise de proteínas. No caso das plaquetas, a proteómica permite estudiar en detalle as súas proteínas co fin de atopar biomarcadores e obxectivos farmacolóxicos que permitan un mellor tratamento das enfermidades trombóticas e cardiovasculares.

Estas constitúen as principais liñas de investigación de Ángel García, que están financiadas polo MICINN, a Consellaría de Economía e Industria e a Fundación Mutua Madrileña, e que xa deron lugar a varias publicacións. A parte máis clínica desta investigación desenvólvese en colaboración co Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago dirixido por José Ramón González Juanatey.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.05.2011.