Tres videomatóns recollerán as opinións da comunidade universitaria sobre a situación do galego
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación, a proposta da Liga Estudantil Galega, está a organizar tres sesións de videomatón, nas que se recollerán as opinións da comunidade universitaria sobre a situación da lingua galega. A primeira delas celebrouse este martes, 5 de abril, na Facultade de Ciencias da Comunicación (Santiago). Seguindo certas similitudes co formato empregado por Eufalo.tv, as persoas que o desexen poderán opinaren sobre como conciben a lingua galega e as súas perspectivas de futuro. A participación neste proxecto está aberta a toda a comunidade universitaria, docentes, alumnos e Persoal de Administración e Servizos (PAS). Así mesmo, os traballos de gravación están abertos á colaboración do estudantado da Facultade de Ciencias da Comunicación, que poderán mostrar as súas habilidades creativas detrás da cámara e no momento da edición do proxecto audiovisual, que se pretende distribuír pola rede e por outras comisións de normalización da universidade. A vindeira sesión de videomatón terán lugar o próximo venres, 8 de abril, na Biblioteca Concepción Arenal (Santiago) e a terceira e última, o 11 de abril na Biblioteca Intercentros, no Campus de Lugo.