Pasar al contenido principal

Bota a andar a sexta edición do Curso de Integración Europea, Goberno Corporativo e Responsabilidade Social das Empresas

Repasará as principais reformas no goberno das empresas en España, Europa e en Estados Unidos

O VI Curso de Integración Europea, Goberno Corporativo e Responsabilidade Social das Empresas arrancará a súa programación este xoves 7 coa inauguración oficial do curso, nun acto que se celebrará no Salón de Actos da Facultade de Dereito a partir das 17:00 horas. Baixo o lema ‘Goberno corporativo e responsabilidade social’ a sexta edición deste curso repasará as principais reformas no goberno das empresas en España, Europa e en Estados Unidos. Logo da sesión de presentación do programa do curso, a cargo da técnico do Centro de Estudos e Documentación Europeos da USC, Elena Pérez Carrillo, o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro, pronunciará a primeira conferencia marco do encontro, titulada ‘Bo goberno empresarial e responsabilidade social’. O programa continuará o venres 8, co desenvolvemento dun bloque temático que terá como común denominador o tema ‘Bo goberno’, na que intervirán docentes e expertos das universidades Complutense e de Alcalá de Henares para avaliar a relación entre bo goberno e accionistas, servizos financeiros, a simplificación do dereito de sociedades, a fiscalidade ou coas accións civís colectivas, entre outros. Este bloque temático completarase coas sesións que se van celebrar o luns 11 e o martes 12 de abril. A responsabilidade social corporativa será a protagonista do terceiro bloque temático, o que se desenvolverá entre os días 13 e 15 de abril, estando previsto a clausura para o venres 15, nunha sesión que presidirá o reitor Juan Casares. Este curso está promovido pola Área de Dereito Mercantil, o Centro de Estudos e Documentación Europeos, o Programa Jean Monnet da Comisión Europea e a Xunta de Galicia coa colaboración do Instituto de Dereito Industrial.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.04.2011.