Pasar al contenido principal

Os estudantes de Dereito poden mellorar a formación gramatical e léxica en galego no ‘Obradoiro de linguaxe e redacción xurídica I’

A campaña 'Témoslle lei' iniciouse na Facultade de Dereito a finais do pasado ano
A campaña 'Témoslle lei' iniciouse na Facultade de Dereito a finais do pasado ano
A matrícula, aberta ata o 15 de abril, é de balde

Os estudantes de Dereito teñen a oportunidade mellorar a formación léxica e gramatical en galego totalmente de balde, participando no ‘Obradoiro de linguaxe e redacción xurídica I’, que terá lugar a finais de abril e durante o mes de maio na Facultade de Dereito. A matrícula está aberta ata o vindeiro 15 de abril, podendo as persoas interesadas formalizar a inscrición a través da web. O curso ten como obxectivos dar a coñecer as características principais do tecnolecto xurídico, asentar un modelo de linguaxe xurídica galega de calidade e familiarizarse coas peculiaridades morfolóxicas e sintácticas do galego xurídico. Así mesmo, preténdese que os asistentes afonden no proceso de modernización estilística da linguaxe xurídica, dominen a terminoloxía básica, e unifiquen criterios verbo da produción de tipoloxías documentais e da aplicación de recursos ortotipográficos. O curso, que será impartido por Martín Ramos Ínsua do Colexio de Avogados de Santiago, ten unha duración de 20 horas presenciais máis 10 horas para a elaboración de traballos e ten recoñecido un crédito de libre configuración. A iniciativa forma parte do programa de actividades dirixidas aos estudantes da Facultade de Dereito, dentro do plan de normalización ‘Témoslle lei’. Videomatón A Biblioteca Concepción Arenal acollerá este venres, 8 de abril, o segundo videomatón, no que se recollerán as opinións da comunidade universitaria sobre a situación da lingua galega. Seguindo certas similitudes co formato empregado por Eufalo.tv, as persoas que o desexen poderán opinar sobre como conciben a lingua galega e as súas perspectivas de futuro. A participación neste proxecto está aberta a toda a comunidade universitaria, docentes, alumnos e Persoal de Administración e Servizos (PAS). Os traballos de gravación contan coa colaboración do estudantado da Facultade de Ciencias da Comunicación, que pode mostrar as súas habilidades creativas detrás da cámara e no momento da edición do proxecto audiovisual, que se pretende distribuír pola rede e por outras comisións de normalización da universidade. A terceira e última sesión de videomatón farase o 11 de abril na Biblioteca Intercentros, no Campus de Lugo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.04.2011.