Pasar al contenido principal

A USC creará comunidades ‘En transición’ para reducir a Pegada e Débeda Ecolóxica e diminuír a dependencia enerxética

De esquerda a dereita, a coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sustentable, o reitor, e a vicerreitora  de Responsabilidade Social e Calidade
De esquerda a dereita, a coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sustentable, o reitor, e a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade
A iniciativa, que forma parte do Plan de Desenvolvemento Sustentable da Universidade, está dirixida a toda comunidade universitaria e pretende transcender ás cidades de Santiago e Lugo

A Universidade de Santiago dá un paso máis para reducir as súas Pegada e Débeda Ecolóxica. Será mediante a posta en marcha do proxecto ‘USC En Transición’, unha iniciativa incluída dentro do Plan de Desenvolvemento Sustentable, a través do que se realizará unha intensa actividade de educación, divulgación e concienciación ambiental, tarefas que se veñen desenvolvendo na Universidade de Santiago dende o ano 2004.

O proxecto foi presentado esta mañá polo reitor da USC, Juan Casares, a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, e a coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sustentable da USC, María Teresa Barral Silva. Nesta presentación estiveron presentes tamén, os integrantes do grupo de investigación en Pedagoxía Social Educación Ambiental da USC (SEPA), Lucía Iglesias da Cunha e José Antonio Caride; o educador ambiental e membro da SEPA e da Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGAE), Miguel Pardellas; o secretario da Fundación Ecoloxista Galega, Tino Quintela; a bolseira de Sustentabilidade, Participación e Integración Universitaria (SPIU) da Facultade de Dereito, Cristina Rivas e Paula Lubián en representación da cooperativa Factoría Verde. A USC, sen esquecer os eixes principais do Plan de Desenvolvemento Sostible céntranse na Divulgación, Participación e Sensibilización Ambiental, para este curso propón un proxecto global, ambicioso e transformador, que introduce a filosofía das “comunidades en transición”; un paso máis na continuidade dun programa que conta tamén coa participación do grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA). As ‘comunidades en transición’ é un movemento iniciado en Kinsale (Irlanda), que ten por obxecto dotar ás comunidades para soportar o dobre desafío do cambio climático e as limitacións no acceso aos recursos enerxéticos. Na USC o proxecto concretarase en tres iniciativas, que se van desenvolver a longo do actual curso académico 2010-2011. As actuacións teñen como obxectivo xeral dinamizar á comunidade universitaria da USC para poñer en marcha procesos de transición a pequena escala que, no seu conxunto, ademais de dar a coñecer modelos de vida máis sustentables, contribúan a reducir a pegada e a débeda ecolóxica da universidade. De feito, preténdese que as actuacións transcendan máis alá da comunidade universitaria e que cheguen aos habitantes das cidades onde se asentan os campus, Santiago e Lugo. Tanto o reitor como a vicerreitora sinalaron que ‘USC En transición’ supón un pulo importante para o Plan de Desenvolvemento Sustentable nos eidos universitario e social. A USC pretende, segundo Juan Casares, “fortalecer a cultura da sustantibilidade e xerar novos hábitos neste senso”. Así mesmo, a Universidade de Santiago “ten que proporcionarlles aos estudantes formación en valores, considerando como elementos fundamentais da mesma a educación e o respecto polo medio ambiente”, engadiu Benita Silva, quen asegurou que, para respectar o noso entorno, é necesario consumir menos, “por responsabilidade e saúde”. O programa que a USC pon en marcha baséase na colaboración e participación de todos os sectores universitarios aos que vai dirixido, estudantes, profesores e Persoal de Administración e Servizos (PAS). Parte das accións van destinadas, na primeira etapa, a receptores diana, bolseiros e coordinadores do Plan de Desenvolvemento Sustentable nos centros e os usuarios da Residencia Monte da Condesa e do Colexio Maior Fonseca. O traballo dos bolseiros e coordinadores do PDS constituirá, segundo a responsable do mesmo, María Teresa Barral, o punto de partida do proxecto ‘USC en transición’. Trátase de 33 bolsas, cuxo principal cometido será o de dar a coñecer o concepto de sociedade en transición ao conxunto da comunidade universitaria a través da realización de actividades de educación ambiental. A segunda das actuacións previstas é a dirixida aos usuarios do Colexio Maior Fonseca e da Residencia Universitaria Monte da Condesa. Durante o curso 2010-2011, desenvolverase en ambos un Proxecto de Xestión de Residuos Participada. A iniciativa ten por obxecto a redución de despoxos no entorno das residencias e colexios maiores e supón a continuidade da campaña de compostaxe posta en marcha no curso 2007-2008 e da creación dunha horta ecolóxica. O terceiro eixo de actuación será o traballo desenvolvido polos coordinadores de centro do PDS. Con tal fin organizarase un curso formativo sobre as comunidades en transición que permitirá coñecer a fondo o concepto deste tipo de sociedades e algunhas das experiencias existentes e constituirá o punto de partida dun proceso participativo co profesorado. O proxecto ‘USC En Transición’ contempla, así mesmo, un programa de actividades, que se irán desenvolvendo ao longo dos vindeiros meses. Concretamente, na xornada do martes 5 de abril, terá lugar unha sesión de teatro-foro na sala da entrada da Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo. Trátase dunha ferramenta participativa para dar a coñecer o concepto de ‘comunidade en transición’ a través da interacción co público. A ‘USC En Transición’ contará cunha páxina web propia, www.usc.es/uscentransicion, que servirá como fío condutor das actividades, e vía de comunicación e participación da comunidade universitaria.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.04.2011.