Pasar al contenido principal

A Mariña será esta fin de semana escenario para a análise e a formación no eido do turismo vinculado á natureza

O IBADER mantén aberto o prazo de inscrición para as xornadas deica este mércores 13 de abril

Achegar aos alumnos universitarios, investigadores e profesionais vinculados cos campos da xestión do territorio, da biodiversidade e do turismo, unha visión integradora das novas perspectivas do turismo de natureza así coma dos criterios de sustentabilidade que deben rexer este tipo de turismo e o obxectivo das Xornadas de Turismo de natureza que se desenvolverán en Foz do 15 ao 17 de abril.

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemeto Rural (IBADER) do Campus de Lugo en colaboración co concello de Foz, o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño e a Deputación provincial de Lugo (Área de turismo) promove este curso de formación, que estará dirixido por Pablo Ramil Rego, vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación da USC. A xornadas contarán coa participación de importantes expertos en educación ambiental, xestores de espazos naturais, especialistas na xestión do uso público e desenvolvemento sostible pertencentes ás distintas Universidades Galegas, entidades como CEIDA ou CETMAR, empresas ambientais, a Deputación Provincial de Lugo e o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño. As actividades desenvolverase ao longo do fin de semana do 15, 16 e 17 de abril en horario de mañá e tarde no CENIMA (Centro de Interpretación da Mariña), emprazado na localidade de Foz, e tamén na Escola Obra Pía de Fazouro, dedicando a última das xornadas á visita dos espazos naturais da Mariña Luguesa. A duración do curso é de 30 horas e é validable por un crédito de libre de configuración para todos os estudantes da USC que así o soliciten. Na inscrición inclúense os transportes entre as diferentes sedes das xornadas e o xantar do sábado 16 de abril; o concello de Foz tamén porá a disposición dos alumnos que así o soliciten no momento da matrícula, o aloxamento para as noites do 15 e 16 de abril. A formalización da inscrición poderá realizarse deica o día 13 de abril aínda que existe un límite de 40 prazas que se cubriran por rigorosa orde de solicitude. Na páxina web www.ibader.org e no teléfono da secretaría do curso 982 24507 as persoas interesadas poderán atopar toda a información relativa ás xornadas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.04.2011.