Pasar al contenido principal

A exposición ‘A Domus do Mitreo’ cambia o seu horario de visitas

A mostra poderá visitarse de martes a venres e pechará os sábados

A mostra ‘A Domus do Mitreo’, que se pode ver na sala de exposicións da Casa do Saber do Campus de Lugo, cambia de horario de visitas. Así, a mostra poderá verse de martes a xoves, no seu horario habitual (17:00 a 21:00 horas) e os venres de 18:00 a 22:00 horas, mentres que o sábado permanecerá pechada, ao contrario do que viña acontecendo ata o de agora. Polo demais, mantense tamén a posibilidade de asistir a visitas guiadas os últimos xoves de cada mes ou concertadas para grupo e escolares, chamando previamente ao teléfono 982 821 513. ‘A Domus do Mitreo’ é unha exposición que nace das actuacións arqueolóxicas que se levaron a cabo no transcurso dos traballos de rehabilitación e construción da sede administrativa da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo e do seu edificio anexo, coñecido como E=mc 2. O obxectivo final da mostra é dar a coñecer, a través de breves pinceladas, a vida cotiá nesa Domus romana e a súa evolución a través do tempo a partir dos materiais atopados na área que se sitúa baixo os edificios e as rúas circundantes e que define diferentes espazos e cronoloxías. O Mitreo de Lucus é un dos poucos monumentos mitraicos de España que poden ser datados con fiabilidade como pertencentes ao século terceiro d. C. e que se mantén no século cuarto d. C., segundo o investigador. Como mostra disto está a ara fundacional de granito atopada na nave do templo, unha das pezas centrais da exposición que alberga gran cantidade de información e permite unha nova interpretación da introdución do mitreísmo en Hispania. O resto dos elementos que compoñen o espazo expositivo completan o percorrido do que foi a vida cotiá dos moradores desta construción. Amósanse pezas representativas exhumadas na escavación como son vidros, metais, ósos, útiles de tear ou elementos de numismática. Destacan outros coma o entalle de cornalina laranxa que se utilizou como icona desta exposición e que leva tallada unha figura alada en representación dunha victoria. Pese a que os elementos escollidos inciden principalmente no Mitreo e no seu culto, tamén se representa o período medieval a partir do material da necrópole encontrada correspondente a esa etapa e que permite un estudo osteoarqueolóxico dos habitantes da urbe naquel momento.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.04.2011.