A XII Mostra de Teatro Universitario de Galicia sube o pano en Compostela o luns 23

O teatro universitario galego presentará as súas últimas producións ao público compostelán dende o vindeiro luns 23 de maio ao 1 de xuño, dentro da programación da XII Mostra de Teatro Universitario de Galicia. Son un total de 14 representacións levadas a escena polas aulas de Teatro das tres universidades galegas así como por compañías xurdidas no seo das comunidades universitarias, tres delas creadas este mesmo ano en Compostela. ‘Leve, a nada entre as mans’, da Aula de Teatro da Universidade de Vigo, abrirá o vindeiro luns 23 a partir das 19:30 horas no Teatro Principal de Santiago a mostra presentando ante o público unha adaptación de Fernando Dacosta de Seda de A. Baricco. Nesta primeira xornada, o grupo da USC Diagonal Teatro representará a partir das 21:30 horas no Salón Teatro ‘Xente interesante en Terranova’, unha creación colectiva a partir de múltiples textos adaptados por Xurxo Barcala e Roberto Leal. A entrada ás representacións será de balde, previa retirada das entradas nos despachos de billetes, que abrirán coa suficiente antelación. Programa O martes 24, ás 19:30 horas no Treatro Principal, antigos alumnos da Aula de Teatro en coprodución con diversas compañías da USC representan ‘Caricias’, de Sergi Belbel. Ás 21:30 horas, no Salón Teatro, será a quenda da Aula de Teatro da universidade compostelá coa ‘Historia de Pura e Angelita. Pequeno divertimento mordaz’. ARTías (USC) levará á escena ‘Oito mulleres’ de R. Thomas, o mércores 25 no Salón Teatro ás 21:30 horas. Tomaralle o relevo ENLATA Teatro (USC) que subirá ás táboas ‘Ubú’, de Alfred Jarry, o xoves 26 ás 21:30. A esa mesma hora, ao día seguinte, Os Sigillatos Galaicos (USC) escenifica ‘ Feeling good’ de Blanca Tejero e Paula Fernández. Na fin de semana, a mostra terá como protagonistas ao Teatro do Aramio (USC), con ‘ Divertimento’ o sábado 28, e a Teatro da Falúa (USC) que leva á escena o domingo 29 ‘A onda’. En ambos os dous casos a cita será no Salón Teatro ás 21:30 horas. A Aula de Teatro da Universidade da Coruña mostrará a súa proposta o luns 30 no Teatro Principal a partir das 19:30 horas coa representación de ‘Nunca durmo’, a partir de textos de Pessoa. Ese mesmo día, pero ás 21:30 horas no Salón Teatro, Mequetrefes Teatro (USC) levantará o pano con ‘Do día que meus pais me plantaron nunha maceta’.
Pinchacarneiro (USC) con ‘ Comedia do gurgullo’ e NNC (USC) con ‘Esperando a Godot’ serán as propostas do martes 31, o primeiro no Teatro Principal ás 19:30 e o segundo no Salón Teatro ás 21:30 horas. A mostra rematará o mércores 1 de xuño da man de Tolemia (USC) con ‘Versión 2.0’, obra de creación colectiva.