Lugo Cultural entregou os premios do XVII Maratón fotográfico do Campus de Lugo
Representantes das entidades que conforman o proxecto Lugo Cultural entregaron este xoves na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria do campus lugués os premios da décimo sétima edición do Maratón Fotográfico, na que participaron trinta e oito persoas. Os temas desta convocatoria foron sons da cidade, obras e xestión do medio ambiente, propostas que permitiron aos fotógrafos ofrecer a súa particular visión da capital luguesa. Os premiados Logo de valorar a calidade e orixinalidade de todos os traballos presentados, o xurado decidiu outorgar os premios, dotados con 120 euros, ás mellores fotografías dos temas ‘Sons da cidade’ e ‘ Obras’ a Javier Bascuas Rodríguez por Shh e a Alfredo Delgado Rodríguez por Traballadores, respectivamente. O premio ‘Xestión do medio ambiente’, de 75 euros, recaeu na fotografía Estratos naturais dun instante de Enrique Carcelén Fernández, que foi ademais o gañador do ‘ Carlos Valcárcel’ dotado con 200 euros. O galardón á película de nivel medio máis alto foi para María Luisa Fernández Moscoso. O acto de entrega contou coa presenza do vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; a concelleira de Cultura, Nuria Mundiña; o vicedecano de Ordenación Académica e Calidade da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina; o director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno; e a encargada da Oficina de Cultura do Campus de Lugo, Paloma Lugilde. Tamén estiveron presentes os outros dous compoñentes do xurado, o coordinador do Espazo de Fotografía da USC, Eduardo Ochoa, e o fotógrafo Carlos Valcárcel. Exposición dos traballos Trala entrega dos premios inaugurouse a exposición coas fotografías presentadas ao Maratón deste ano, entre as que figuran os traballos galardoados. A mostra pódese visitar ata o vindeiro 23 de xuño, de luns a venres en horario de 09:00 a 21:00 horas, na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria.