Pasar al contenido principal

A Universidade de Santiago lembra a Lois Pereiro cun acto literario en Fonseca

Presentouse o volume 'Lois Pereiro. Día das Letras Galegas 2011' editado polo Servizo de Publicacións da USC
Presentouse o volume 'Lois Pereiro. Día das Letras Galegas 2011' editado polo Servizo de Publicacións da USC
Presentouse o volume Lois Pereiro. Día das Letras Galegas 2011 editado polo Servizo de Publicacións da USC

“Soubo cantar coma poucos o vínculo entre o amor e a enfermidade”. Así lembraba este venres o reitor Juan Casares ao poeta monfortino Lois Pereiro, a quen se lle de dedica este ano o Día das Letras Galegas, no acto literario que a USC celebra cada ano. Asistiron tamén o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga, o vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo, e numerosas autoridades académicas e membros da comunidade universitaria. Facía o reitor un breve recordatorio dos libros de poemas de Lois Pereiro, dos publicados en vida e dos póstumos, da novela Náufragos do Paradiso, e destacaba a Conversa ultramarina, considerada o seu último libro, na que continuaba a tentativa lanzada no manifesto Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia. Conversa ultramarina, “unha mensaxe lanzada ao grande océano do mundo” é unha carta de amor a unha muller “que se converte, por obra da literatura, nunha carta que Lois Pereiro nos escribe a cada un de nós”, dicía o reitor. Volume da USC Como vén sendo habitual nestes últimos corenta anos, o Departamento de Filoloxía Galega súmase a esta celebración coa edición dun volume, Lois Pereiro. Día das Letras Galegas 2011, que presentou o seu director, o profesor Francisco Cidrás Escaneo. Coordinado por Mª Xesús Nogueira Pereira e Anxo Tarrío e editado polo Servizo de Publicacións da USC, o libro describe ao poeta monfortino como unha figura “directamente relacionada coa cultura underground dos anos 70 e 80”. O volume compila seis artigos que dan conta da vida e obra dun poeta “singular, interesante e complexo”. Así, María Xesús Nogueira Pereira afonda na figura do autor a través das súas entrevistas mentres que Antía Marante Arias, no artigo ‘Lois Pereiro: o outsider acompañado’ fai unha detallada análise da produción “dun dos poetas do sistema literario galego máis vangardista e cosmopolita”. ‘Como resistir?: algunhas reflexións ao fío da Modesta Proposición de Lois Pereiro’ é o título do traballo de Iria Sobrino Freire. O catedrático Anxo Tarrío, que no acto fixo unha semblanza do poeta, colabora neste volume co artigo ‘Lois Pereiro: calvario, morte e resurrección dun punk-dandi (ensaio)’ no que mostra a faceta máis biográfica do autor que tanto marcou a súa obra. Pechan o volume Carme Silva Domínguez que analiza as outras linguas na poesía do homenaxeado e un traballo, ‘A recepción de Lois Pereiro (1996-2010)’, de compilación bibliográfica de e sobre Pereiro a cargo das responsables dos Informes de Literatura Blanca-Ana Roig Rechou, Mar Fernández Vázquez, Carmen Ferreira Boo e Esther de León Viloria. Ao acto asistiron numerosas autoridades académicas e membros da comunidade universitaria

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.05.2011.