A USC aproba a oferta de prazas nos seus graos e másters para 2011-2012
O Consello de Goberno da Universidade de Santiago aprobou este xoves 5 os novos límites de prazas nos estudos de grao e másters para o vindeiro curso 2011-2012. Segundo o acordado, implántase un novo grao en Lugo, o de Xestión de Pequenas e Medianas Empresas (40 prazas), e nove titulacións pasarán a ter límite. Concretamente Filosofía (pasa a 65), Lingua e Literatura Españolas (50), Lingua e Literatura Galega (50), Lingua e Literatura Inglesa (100), Filoloxía Clásica (25), Linguas e Literaturas Modernas (75), Física (100), Administración e Dirección de Empresas (80) e Lingua e Literatura Españolas (25), estas dúas últimas en Lugo. Pola contra, deixarán de ter límite de prazas o grao Enxeñaría de procesos Químicos Industriais en Lugo. Un total de cinco son os graos que diminuirán a súa cota de prazas en primeiro curso: Dereito (pasa a 180), Administración e Dirección de Empresas (200), Medicina (300), Xornalismo (80) e Enfermaría de Lugo (68). Pola súa banda, aumentan en 25 prazas Economía (150) e Ciencia Política e da Administración (125), así como 5 en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural de Lugo (30). As restantes titulacións de grao non variarán, tal e como sucede con Bioloxía (150), Comunicación Audiovisual (40), Pedagoxía (75), Educación Social (75), Mestre Educación Infantil (80), Mestre Educación Primaria (140), Farmacia (200), Matemáticas (SL), Odontoloxía (40), Psicoloxía (150), Química (125), Xeografía e Ordenación do Territorio (SL), Historia da Arte (80), Historia (100), Enxeñaría Informática (60), Enxeñaría Química (60), Enfermaría (150), Óptica e Optometría (60), Relacións Laborais e Recursos Humanos (100), Traballo Social (90). No Campus de Lugo, trátase dos graos en Nutrición Humana e Dietética (40), Veterinaria (110), Relacións Laborais e Recursos Humanos (SL), Mestre en Educación Infantil (90), Mestre en Educación Primaria (90), Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural (80), Enxeñaría Civil (50), Enxeñaría Forestal e do Medio Natural (80), Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias (80), Enxeñaría en Xeomática e Topografía (50). Novo título propio O Consello de Goberno deu o visto bo á vinculación da Escola de Altos Estudos Musicais á Universidade de Santiago. Deste xeito, a USC recoñecerá como títulos propios os estudos de posgrao da Escola que conducen á obtención do Diploma ou do Gran Diploma de especialización orquestral. Deporte de elite Na mesma xuntanza, tamén se aprobou a normativa sobre Deportistas de Alto Nivel da USC, cuxo obxectivo é facilitar a plena integración deste colectivo no mundo universitario ao tempo que permita garantir unha adecuada compatibilidade nos seus estudos coa práctica deportiva. Outros asuntos Na xuntanza tamén se aborda a modificación dalgunhas titulacións de grao e dos regulamentos de adscrición e asignación, prazas de PDI, complementos por mérito docente en 2010 e retributivos autonómicos, a avaliación da actividade investigadora de PDI contratado e a relación de memorias dos profesores con licenza por ano sabático. Na sesión da tarde trátanse as convocatorias de prazas do Sistema Universitario de Residencias e de axudas predoutorais financiados por grupos e de accións de mellora da docencia, a creación do centro propio de carácter mixto de investigación de estudos de responsabilidade social, goberno corporativo e protección do investidor da USC, a supresión do Instituto de Investigación de Informática e a transformación da Escola Universitaria Relacións Laborais en Facultade. A xuntanza complétase co regulamento de réxime interno de másteres, a convocatoria da Escola Infantil de Santiago e do Cheque Bebé en Lugo e o Plan Estratéxico da BUSC.