Estudantes de Lugo explican este mércores en Santiago a profesión veterinaria
A Praza compostelá do Toural será o lugar no que este mércores 11 estudantes da Facultade de Veterinaria de Lugo informen aos cidadáns acerca das múltiples funcións que levan a cabo os profesionais veterinarios. Esta actividade forma parte da Semana Veterinaria Europea en estreita colaboración coa Dirección Xeral de Sanidade e Consumidores (SANCO) da Unión Europea. Estes futuros veterinarios están a percorrer durante toda esta semana as cidades galegas para pór en valor a versatilidade da súa profesión na sociedade actual exercendo en campos como o manexo e benestar animal, a conservación de especies e do medio ambiente, a sanidade animal, a especialidade clínica en grandes e pequenos animais e exóticos ou a seguridade alimentaria. Esta campaña, na que os estudantes atenderán as posibles preguntas e curiosidades do público, iniciouse este luns en Lugo e continuou na Coruña. Xa o xoves estarán na praza pontevedresa da Peregrina, o venres na rúa Príncipe de Vigo e o sábado na esquina da Rúa da Concordia ourensá. A actividade remata o domingo, de 17 a 20 horas, na Praza Maior de Lugo.