Pasar al contenido principal

O Instituto da Lingua Galega da USC conmemora este venres o seu 40 aniversario

Corenta son os anos que o Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago leva dedicados ao estudo e promoción do galego. Numerosos proxectos, publicacións e iniciativas, algunhas delas decisivas, dan conta do traballo iniciado a comezos dos anos 70 por un grupo de investigadores liderado polo catedrático de Filoloxía Románica Constantino García. A súa antigüedade convérteo no centro destas características máis antigo do sistema universitario galego. Para celebrar esa efeméride distintas autoridades académicas e civís asistirán este venres 20 ás 19:00 horas da tarde a un acto académico conmemorativo que presidirá o reitor Juan Casares no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) e no que ademais intervirá a directora do ILG, Rosario Álvarez Blanco, e os membros do padroado fundador do Instituto, Antón Santamariona e Xerardo Fernández Albor. Asiste tamén o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga Pereira. Previamente, ás 18:30 horas, descubrirase unha placa conmemorativa na fachada do edificio do Instituto, na Praza de Mazarelos, no que viviron Rosalía e Murguía entre os anos 1863-1865. Corenta anos de traballo A data exacta do anuncio da creación do ILG foi o 14 de maio de 1971, que pechaba unha semana en que se presentara o método Gallego 1 e se celebrara un ambicioso ciclo de conferencias sobre filoloxía galega. Logo virían as Lecturas Galegas 1, a revista Verba. Anuario galego de filoloxía, a grande empresa do Atlas Lingüístico Galego, as Bases e as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, e un longo ronsel de proxectos e publicacións ata hoxe.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.05.2011.