A programación de cursos de verán en Lugo comezará analizando o presente, pasado e futuro dos profesionais da enxeñaría agrónoma
A Universidade de Verán no Campus de Lugo botará a andar cun curso que analiza o presente, pasado e futuro dos profesionais da enxeñaría agrónoma os días 18 e 19 de xullo na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior de Lugo. Baixo a dirección da profesora Marta Cardín e do profesor José Carlos Álvarez, as xornadas contan coa colaboración do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, da Asociación Galega de Investigadores para o Desenvolvemento Rural e o grupo de investigación 1716 da USC sobre ‘Proxectos e planificación’. Na primeira das dúas xornadas programadas realizarase unha análise das particularidades deste colectivo profesional onde partindo da situación e perspectivas de futuro para o colectivo se debaterá sobre a formación impartida na USC, o estado da investigación con especial atención para a enxeñaría para o desenvolvemento rural, as relacións profesionais con Portugal ou as opción profesionais asociadas á xardinaría e arquitectura da paisaxe. O programa do día 19 inclúe un percorrido por diferentes facetas profesionais, con intervencións que describirán a vinculación con empresas o servizo público, o sector da alimentación e das bebidas, o desenvolvemento rural, calidade e hixiene alimentaria, a innovación, a produción animal ou as grandes obras de infraestruturas. Ese mesmo día presentarase a revista científica Spanish journal of rural development e os resultados da enquisa ‘Perspectivas de futuro para os enxeñeiros agrónomos’. Para acadar máis información sobre o programa ou o proceso de matrícula, as persoas interesadas poden dirixirse á paxina web do curo en http://www.usc.es/cultura/uveran19_11.htm.