Pasar al contenido principal

O Grupo de Toxicoloxía da USC organiza unha xornada multidisciplinar que analiza as agresións facilitadas polo uso de drogas

As xornada clausuraran ás 13:30 horas cun acto ao que asisten ademais do reitor, a xerente do Sergas e a secretaria xeral e Igualdade da Xunta de Galicia

O Grupo de Toxicoloxía da USC organiza este venres unha xornada científica sobre ‘Agresións facilitadas polo uso de drogas: submisión química, a súa detección, diagnose e prevención’. Con máis de 130 persoas inscritas ata o momento, é unha iniciativa dirixida a profesionais dos ámbitos sanitarios e xurídico, así como aos corpos e forzas de seguridade. A apertura oficial das xornadas celebrarase ás 9:00 horas para dar paso á intervención que a profesora Angelines Cruz presentará sobre ‘Concepto, epidemioloxía e factores de risco da submisión química’ e da xefa do Servizo do Laboratorio Forense do Instituto de Medicina Legal de Cataluña, Amparo Arroyo, para presentar un ‘Protocolo médico-forense da atención ás vítimas’. O ‘Manexo clínico das doentes con sospeita de agresión sexual nun servizo de urxencias; valoración do posible papel da submisión química’ será o tema que abordará a partir das 11:30 horas o profesor e xefe do Servizo de Obstetricia e Xinecoloxía do CHUS, Manuel Macía. A continuación, a psicóloga do Centro de Planificación Familiar de Santiago, Mercedes Carreño, referirase á atención ás vítimas nestes centros, continuando co catedrático de Psicoloxía Social Ramón Arce que profundará nas particularidades da atención psicolóxica ás vítimas de agresión sexual. O profesor de Dereito Penal da USC Santiago Brage aborda a partir das 12:30 horas os aspectos legais relacionados coa agresión sexual e o uso de axentes químicos, perspectiva que a investigadora Ana Castro completará cun relatorio no que se referirá á toma de mostras e á metodoloxía aplicable no proceso de diagnose toxicolóxica. Xa pola tarde, a partir das 15:30 horas, o facultativo do Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses Óscar Quintela presentará experiencias do Laboratorio de Toxicoloxía Forense en casos de submisión, con especial atención á interpretación de resultados. Completando a quenda de intervencións, a profesora da Universidade de Barcelona e secretaria da Comisión de Violencia Intrafamiliar e de Xénero do Hospital Clínico, Dolores Rodríguez, dará conta da experiencia catalá na casuística da submisión química. Con anterioridade, ás 13:30 horas, celebrarase o acto de clausura no que participarán ademais do reitor compostelán Juan Casares, a xerente do Sergas, Rocío Mosquera; a secretaria xeral de Igualdade, Marta González; o decano de Medicina, Juan J. Gestal; e o profesor e organizador das xornadas, Manuel López-Rivadulla.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.06.2011.