Pasar al contenido principal

Un estudo da USC demostra que a pescada galega produce un impacto ambiental menor que a que se pesca no Gran Sol

O traballo revela os datos das emisións de gases de efecto invernadoiro da actividade pesqueira de Galicia por especies e técnicas de pesca

Un grupo de investigadores do Departamento de Enxeñaría Química analizou os datos das emisións de gases de efecto invernadoiro da actividade pesqueira de Galicia por especies e técnicas de pesca. Do traballo resultou que a pescada galega produce un impacto ambiental menor que a que se pesca no Gran Sol. Segundo as súas estimacións, a pegada de carbono para esta actividade é de 888,620 toneladas por ano. Por especies, as que se recollen en alta mar son as que contaminan máis. Os investigadores fixeron un seguimento dos barcos de pesca de altura, baixura e da acuicultura galega en 2009. O traballo levouse a cabo en dúas fases, primeiro poñéndose en contacto coas confrarías de pescadores para que lles enviasen a información requirida e, nunha segunda, con saídas de campo directas para incrementar o número de datos. Segundo declara a SINC Ian Vázquez Rowe, coautor do traballo e investigador da USC, “collemos mostras representativas das distintas flotas pesqueiras como o palangre e o arrastre. Ademais, para certos datos nos puxemos en contacto con estaleiros e con provedores de materiais como os de refrixerantes”. Unha vez analizados os datos observaron que os barcos que faenan na costa consomen menos diésel por tonelada capturada que os de altura e gran altura. Ademais, percibiron diferenzas significativas segundo a arte de pesca. “Os barcos de gran altura que van ao Índico ou ao Pacífico, por ser barcos de cerco, consomen menos diésel e outras sustancias que producen efectos de cambio climático. Con todo, a maioría dos barcos de altura que se analizaron en Gran Sol, que eran de arrastre, teñen unha intensidade enerxética moito maior polas características deste tipo de pesca”, afirma Vázquez Rowe. A especie tamén inflúe Para os investigadores, as principais causas de impacto ambiental na pesca son a distancia e a arte de pesca, e factores máis operacionais en último lugar. Pero ademais, ao analizar as flotas atoparon diferenzas segundo a especie de peixe. “Un caso moi interesante é o da pescada, porque se pesca en infinidade de caladoiros. É un tipo de peixe que se consome en España por excelencia e, segundo a nosa investigación, a pixota que se pesca na costa galega produce un impacto ambiental de cambio climático menor que cando se captura no Gran Sol”, sinala o investigador. O valor económico das especies fai, ademais, que na costa galega se pesquen especies como a sardiña, o xurelo e a caballa que noutros caladoiros extra comunitarios non se pescan. Vázquez Rowe indica que “simplemente se descargan”, como no caso do caladoiro mauritano, onde lles consta que os barcos teñen capturas de xurelo “significativas” e se devolven ao mar. “É necesario aumentar o esforzo para proporcionar datos sólidos sobre as emisións de efecto invernadoiro. Ademais, o cambio progresivo cara a novos tipos de refrixeración que contaminen menos debe completarse o 01 de xaneiro 2015, cando o uso do gas refrixerante R-22 quede totalmente prohibido”, conclúe o estudo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.06.2011.