Pasar al contenido principal

A Universidade de Santiago lidera o proxecto de cooperación transfronteiriza VT para o impulso da transferencia tecnolóxica entre universidade e empresa

Este proxecto de apoio á transferencia de tecnoloxía na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal será obxecto dunhas xornadas de presentación este mércores 15 en Fonseca

A Universidade de Santiago de Compostela lidera a través da súa Unidade de Valorización e Transferencia, o proxecto europeo VT (Vehículos de Transferencia) orientado a impulsar a transferencia de tecnoloxía entre a universidade e o sector empresarial na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a través da creación de novos vehículos de transferencia e a consolidación dos xa existentes. O proxecto presentarase este mércores 15 en Santiago de Compostela no transcurso dunha xornada que se vai desenvolver baixo o lema ‘Deseño, consolidación e mellora de vehículos de transferencia de tecnoloxía na eurorrexión’. Á inauguración, ás 10:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, asistirán o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil Rego, e o director xeral de Planificación e Fondos da Xunta de Galicia, Francisco Javier Rodríguez Seijo. Apoiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco da segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 (POCTEP), o proxecto desenvolverase no período 2011 e 2012, contando cun orzamento de 1.120.906,56 €, cofinanciado pola Unión Europea nun 75% do importe. Na presentación do proxecto VT inclúese, entre outros, un relatorio por parte da Oficina Europea de Patentes que abordará o emprego de patentes como factor crítico nos procesos de transferencia. Tamén se celebrarán relatorios sobre a perspectiva galega e do norte de Portugal no apoio á transferencia de tecnoloxía e á cooperación. O encontro tamén inclúe unha mesa redonda denominada ‘Vehículos e actores no proceso de transferencia’, na que participarán as entidades socias do proxecto VT como son a propia USC a través da Unidade de Valorización e Transferencia, a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, a Associação Universidade Empresa para o Desenvolvemento – TecMinho e o Instituto Politécnico de Viana do Castelo. Trátase dunha xornada dirixida ao conxunto da comunidade investigadora así como a pequenas e medianas empresas interesadas en procesos de innovación, persoal técnico de organismos de transferencia de tecnoloxía e emprendimento e a calquera outra persoa interesada na materia. No seu período de vixencia, o proxecto VT desenvolverá distintas accións orientadas a garantir que un resultado de investigación con potencial acabe chegando á sociedade. Entre estas actividades destacan a elaboración de carteiras de patentes, apoio á redacción de plans de negocio, titorización de empresas para a incorporación da innovación ao seu proceso produtivo e itinerarios formativos especializados tanto para persoas emprendedoras como para persoal técnico de organismos intermedios. Con estas accións, o proxecto busca acadar un incremento da competitividade dos sectores estratéxicos da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, unha maior rendibilidade da inversión pública en I+D+i e a creación de emprego asociado á transferencia de coñecemento tanto en empresas consolidadas como de nova creación. Programa Logo do acto inaugural, a xefa da División de Xestión de Programas de Cooperación Transfronteiriza CCDR-N, Julia Abrantes, e a subdirectora xeral de Innovación Empresarial da Dirección Xeral de I+D+i, Pilar Morgade, profundarán en cuestión asociadas ao apoio á transferencia de tecnoloxía e á cooperación dende a perspectiva galega e transfronteiriza.. A continuación, a partir das 11:10 horas, o coordinador da Unidade de Valorización e Transferencia da USC, José L. Villaverde, presentará o proxecto VT. Ás 12:00 horas o programa reanúdase cun relatorio marco no que o examinador de patentes da European Patent ACademy, Jaime Roldán, explicará ‘Por que as patentes poden facilitar a transferencia de tecnoloxía’. A xornada de presentación concluirá coa mesa redonda ‘Vehículos e actores no proceso de transferencia’, na que intervirán o propio Jose L. Villaverde; o director xeral da Fundación Empresa Universidade Galega, Francisco J. Pereiro; a xerente da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia; Covadonga Toca; a directora de Transferencia de Tecnoloxía da Associação Universidade-Empresa para o Desenvolvemento – TecMinho, Marta Catarino; e o vicepresidente do Instituto Politécnico de Viana de Castelo, Carlos Rodrigues. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a páxina web do proxecto en http://www.vtransfer.org.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.06.2011.