Pasar al contenido principal

O que foi catedrático da USC, Ignacio Ribas, dá nome a unha medalla da Sociedade Española de Química

Este importante recoñecemento recaeu na súa primeira edición no profesor do País Vasco Fernando Cossío

O que foi catedrático da USC durante máis de trinta anos e un dos científicos máis importantes da química española e internacional, Ignacio Ribas (Palma de Mallorca, 1901 - Santiago de Compostela, 1996), dá nome á medalla recentemente creada polo Grupo Especializado de Química Orgánica da Real Sociedade Española de Química. Recoñécese deste xeito a figura dun dos científicos máis importantes da química galega, creador dunha escola que hoxe se sitúa entre as primeiras de España. Na súa primeira edición a Medalla Ignacio Ribas, que premia a excelencia investigadora dun químico orgánico español nos últimos cinco anos, concédeselle ao catedrático da Universidade do País Vasco (UPV) Fernando P. Cossío polas súas achegas na loita contra o cancro. O profesor vasco recollerá o premio o vindeiro ano 2012 no transcurso da Reunión Bienal do Grupo de Química Orgánica que se celebrará en San Sebastián. Vicerreitor de Investigación da UPV entre 2000 e 2004 e propulsor da empresa Ikerchem que introduce avances químicos na industria farmacéutica e biotecnolóxica, en 2007 recibiu o premio Fundación Dr. Antonio Esteve pola creación dunhas moléculas artificiais capaces de bloquear a metástase.Cossío é ademais o presidente executivo da Fundación Ikerbasque, unha das maiores apostas de investigación promovidas polo Goberno vasco. A fundación fichou en dous anos a 75 investigadores internacionais de máximo nivel que se incorporaron aos principais centros de investigación vascos, a maioría da UPV, e creou tres centros de investigación básica de excelencia dedicados ao cambio climático, as matemáticas aplicadas e a neurolingüística. Ignacio Ribas As investigacións do profesor Ribas no campo da química das sustancias naturais tiveron unha grande sona internacional contribuíndo a que o nome da Galicia científica traspasase fronteiras e acadase un gran prestixio internacional. Moitos dos discípulos que se formaron na súa prestixiosa Escola Compostelá de Sustancias Naturais espalláronse por diversos países de todo o mundo chegando a ocupar importantes postos na industria e na vida académica. Ignacio Ribas Marqués estudou Ciencias Químicas na Universidade de Valencia, pero foi na Complutense de Madrid onde se iniciou na investigación, sendo un dos discípulos máis destacados do profesor Antonio Madinaveitia, con quen obtivo o título de doutor cunha tese sobre os ácidos succínicos bisubstituídos. Ao remate realiza unha estadía no Instituto Pasteur de París baixo a dirección do profesor Ernst Fourneau na que realiza estudos pioneiros sobre a preparación de estovaínas opticamente activas. Regresa a Madrid en 1928 para obter a cátedra de Química Orgánica de Salamanca, logo a de Valencia e finalmente, en 1942, a de Santiago de Compostela na que permaneceu ata a súa xubilación en 1971. A súa escasa afinidade ao réxime impediu o seu acceso á cátedra da Universidade Complutense de Madrid. Una vez xubilado, continuou o seu labor investigador nos Laboratorios de Química Orgánica do CSIC ata 1982, data das súas tres últimas publicacións. Nesa última etapa foi quen de iniciar unha moderna liña investigadora encamiñada á síntese de análogos da hormona xuvenil de insectos co fin de obter novos insecticidas biorracionais. O Grupo de Química Orgánica O Grupo de Química Orgánica da Sociedade Española que entrega a medalla e que aglutina a preto de setecentos químicos foi precisamente promovido por Ignacio Ribas, un dos seus primeiros presidentes. O catedrático da USC foi ademais un dos socios fundadores do Colexio de Químicos de Galicia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.06.2011.