Pasar al contenido principal

O XV Programa de extensión cultural de astronomía da USC ábrese á cidadanía en xeral

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC inicia tamén o prazo de inscrición nas accións da Semana da Ciencia

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago estende este ano por vez primeira a toda a cidadanía en xeral, e non só á comunidade universitaria, o seu Programa de extensión cultural de astronomía (PECAS), cuxa matrícula deberá formalizarse nun único día, o xoves 27 de outubro. O PECAS, unha actividade de extensión cultural xa consolidada na USC, contempla sesións de observación nocturna tanto visuais como con telescopios así como do sol e charlas sobre cuestións actuais de astronomía. As persoas da USC interesadas en asistir poderán inscribirse por internet ou de maneira presencial no Observatorio o mesmo día 27 a partir das 20.00 horas, mentres que as non vencelladas á USC deberán facelo na Área de Cultura do Colexio de San Xerome. Semana da Ciencia 2011 Ademais, o Observatorio da USC ten xa pechado o seu programa de actividades da Semana da Ciencia 2011, que coordina o seu director José Ángel Docobo. Neste programa gratuíto, a desenvolver en novembro con financiamento da Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT), están previstas visitas guiadas con observacións nocturnas no Observatorio do Campus os días 4, 5, 11, 12, 18 e 19 de 20.00 a 24.00 horas; astronomía para nenos e nenas os domingos 6 e 13 en horarios de 17.00 a 18.30 e de 18.30 a 20.00 horas; obradoiros de telescopios os sábados 5 e 12 de 17.00 a 20.00 horas; e un cursiño de iniciación á astronomía. Por último, desenvolverase un programa de astronomía itinerante por toda Galicia con charlas e observacións. Quen se interese por estas actividades debe facer a reserva de praza no correo electrónico pedropablo.campo [at] usc.es (pedropablo[dot]campo[at]usc[dot]es) ou no teléfono 981592747 (de 12 a 14 e de 18 a 20 horas).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.10.2011.