Comeza en Dereito a III Xornada de Propiedade Industrial
A III Xornada de Propiedade Industrial celebrarase este venres 28 no Salón de Graos da Facultade de Dereito organizada polo Instituto de Dereito Industrial (Idius) e o Centro de Estudos e Documentación Europeos da USC (CEDE). No marco dos recentes traballos comunitarios cara unha patente unitaria na Unión Europea, distintos expertos e relatores españois e europeos, revisarán os avances recentes cara o sistema unificado de patentes en Europa. A xornada está dirixida a investigadores, profesionais, alumnado universitario e público en xeral. Logo da inauguración, prevista para as 9.45 horas, o director da Oficina Española de Patentes e Marcas, Alberto Casado, abrirá a sesión referíndose á situación actual e perspectivas de futuras respecto da protección unitaria das patentes en Europa. O investigador do Max Planck Institute for Intellectual Property and Competition Law, Mathias Lamping, e o profesor da Universidade de Coimbra Joao Paulo Remedio Marques tomarán o relevo cons dous relatorios sobre a avaliación crítica da cooperación reforzada na área da patente comunitaria e a protección das patentes biotecnolóxicas, respectivamente. As intervención dos catedráticos José A. Gómez Segade, director do IDIUS, sobre a harmonización mundial do Dereito de patentes, e María Victoria Petit Lavall, da Universidade Jaume I, sobre a protección das obtencións vexetais, pecharán a sesión matinal. O programa rematará coa participación dos profesores Fernando Carbajo Cascón, da Universidade de Salamanca, e Ángel García Vidal, director do CEDE da USC para analizar a posición dos agregadores de información ante a infracción de dereitos de propiedade industrial e intelectual en internet ou o ambush marketing, respectivamente.