Pasar al contenido principal

O profesor Juan Ares Fernández acaba de ser reelixido director de Relacións Laborais

O profesor Juan Ares Fernández acaba de ser reelixido director da Escola de Relacións Laborais de Santiago nunha xunta de centro extraordinaria celebrada este mércores na que se rexistraron 20 votos a favor e 1 en branco. Director do centro dende 2007, con anterioridade foi director do Departamento de Fundamentos da Análise Económica e secretario de varios organismos universitarios. Dende o ano 1984 é profesor en Relacións Laborais, onde na actualidade imparte as materias de economía laboral no grao e no máster. Os seus traballos publicados céntranse, sobre todo, na análise da economía galega. Para os vindeiros anos, Juan Ares manterá o actual equipo de dirección con Carlos Javier Álvarez como subdirector e Yolanda Maneiro como secretaria. Os retos principais que deberá acometer este equipo están condicionados pola inminente transformación da actual escola en Facultade. Como puxo de manifesto o profesor Ares Fernández, o programa de goberno para os próximos catro anos deberá completar a adaptación das distintas titulacións impartidas no centro ao EEES e o fomento dunha maior presenza de departamentos ou seccións departamentais na Escola. Ademais, proseguirá coas accións dirixidas cara ao exterior para conseguir unha mellor visualización na sociedade e no contexto universitario respecto do que representa o centro e a súa oferta de estudos. O director tamén destacou o seu compromiso para fomentar unha maior participación do estudantado na vida da Escola e a facer as xestións necesarias para seguir mellorando as instalacións existentes, “nun centro de gran proxección pero cunha pequena dimensión física”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.10.2011.