Estudantes e titulados sénior do IV Ciclo celebran o fin de curso no Campus de Lugo
A Escola Politécnica Superior de Lugo acolle este venres 3 o acto institucional de fin de curso do IV Ciclo, no que se lles entregarán os diplomas aos vinte alumnos que alcanzaron o Graduado senior durante o curso 2009-2010 e as insignias aos 14 da décima promoción. O acto desenvolverase a partir das 12:00 horas no salón de actos da escola presidido polo vicerreitor Pedro García Herradón e actuando como padriño de promoción o profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Escola Politécnica Superior de Lugo, Francisco Javier López González. Interveñen ademais o subdirector xeral de Promoción da Autonomía Persoal da Xunta de Galicia, Modesto Rouco Vilar; o vicerreitor de Estudantes e Formación Continua, Francisco Durán; Alberto Román Rodríguez, representante da décima promoción de graduados; e o director do IV Ciclo, Maximino Quintáns Rodríguez.