O I Foro Galego da web 2.0 celebrarase este sábado en Ciencias da Comunicación
A Facultade de Ciencias da Comunicación acubillará este sábado 15 o Foro UNIREDE, I Foro Galego da web 2.0, no que se mostrarán os logros colectados en Galicia neste eido. A intención é fomentar a interacción entre os diferentes actores da s ocial media en Galicia e difundir entre a sociedade as vantaxes e as posibilidades de desenvolver a web 2.0 nos diferentes sectores económicos. Esta é unha iniciativa que promoven a USC e a Asociación Adouspuntocero. A xornada estará dividida de modo que cos relatorios da sesión matinal se traballará en sesión plenaria. Logo da inauguración, programada para as 9:15 horas, intervirá Fátima Martínez, consultora de comunicación estratéxica, formadora en social media e unha das persoas con maior influencia no ámbito español, para presentar o relatorio ‘Estratexias en Social Media do off ao on’. Ademais, a quenda de relatorios se completa coa participación de destacados expertos galegos en social media e bloggers como David Serantes, que falará sobre sobre ‘Mobile social media’; José Luis del Campo Villares, cunha intervención que profundará no tema ‘Estratexia en Social Media: como usala para acadar o obxectivo fixado’; e Juan José Romero Crusat que se referirá á operatividade en medios sociais, facendo fincapé nos blogs, Facebook, Linkedin, Twitter ou Google +. No transcurso da tarde, as sesións desenvolveranse arredor de catro talleres temáticos simultáneos sobre Turismo/gastronomía, Intervención Social, Comunicación e Industrias culturais. Do mesmo xeito, se exporán exemplos de boas prácticas e casos de éxito en Galicia no traballo con redes sociais. Nesta sesión participará a Biblioteca Universitaria da USC para presentar un proxecto de traballo compartido entre catro universidades (La Laguna, Zaragoza, Alacante e Santiago), arredor dun modelo común de formación en competencias informacionais. O obxectivo é demostrar a inexistencia de problemas de distancia, nin coas distintas políticas ou filosofías de cada universidade, senón que é unha empresa que as catro institución afrontan con actitude positiva confiando na aprendizaxe compartida. En paralelo, vaise desenvolver un bussines meeting point no que se poderán presentar iniciativas novidosas na web 2.0 co fin de mostrar necesidades de financiamento e posibilidades de inversión, comercialización de produtos e servizos ou ben busca de Bussines partner. Toda a información está a disposición das persoas interesadas na páxina web www.forounirede.com en Facebook e en Twitter (@foroUNIREDE).