As deformidades dentofaciais estudaranse e trataranse nunha nova unidade emprazada no edificio de odontoloxía da USC

A Facultade compostelá de Medicina e Odontoloxía conta dende hoxe cunhas instalacións destinadas a formar especialistas en ortodoncia e ortopedia dentofacial e ao tratamento de pacientes que pretenden converterse en centro de referencia en ortodoncia para o norte de España e Portugal. A nova unidade inaugurárona este venres o reitor Juan Casares; o decano da facultade, Juan Gestal; e o catedrático de Ortodoncia da USC, David Suárez Quintanilla. Emprazada na terceira planta do edificio de Odontoloxía da USC, a Unidade de Tratamento de Deformidades Dentofaciais-Máster en Ortodoncia que dirixe Suárez Quintanilla foi deseñada e autofinanciada polo Departamento de Estomatoloxía e a axuda desinteresada de colegas e compañías do ámbito da odontoloxía e ortodoncia. As novas instalacións constan de 4 clínicas, unha área de diagnose e explicación de tratamentos e unha ampla zona de estudo, docencia e investigación para os posgraduados. O seu principal obxectivo é a diagnose, prevención e tratamento multidisciplinar de pacientes con alteracións e deformacións dentais ou maxilares, que van desde as anomalías de posición ou colocación dos dentes -que afecta a máis dun 40% dos galegos- ata menores afectos de síndromes craneofaciais e graves alteracións conxénitas da cara. Os seus responsables agardan destinar unha parte importante dos ingresos da unidade ao tratamento de nenos e nenas de familias sen recursos. Ademais da atención clínica baseada na excelencia, a unidade funcionará como centro internacional de formación posgraduada e continuada no campo da ortodoncia, ortopedia dentofacial e cirurxía ortognática así como de investigación clínica nas áreas de crecemento e biomecánica dentofacial, diagnose dixital, radiográfica e simulación virtual 3D; a prevención e tratamento do Síndrome de Apnea Nocturna do Sono; e o desenvolvemento de novos aparatos e sistemas de ortodoncia. No acto deste venres presentáronse os últimos recursos diagnósticos e de márketin e comunicación das empresas galegas e españolas que colaboraron na iniciativa así como o proxecto ‘ Clínica HT’ que a USC desenvolverá con varias empresas do sector para crear un entorno de clínica de alta tecnoloxía. Ademais, o profesor Suárez Quintanilla aproveitou para entregar en depósito simbólico á Facultade a medalla da presidencia da European Orthodontic Society que el mesmo ostenta ata o vindeiro mes de xuño.