285 camiñantes participaron nas rutas á Cidade da Cultura organizadas pola Fundación USC Deportiva
A Fundación USC Deportiva e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia organizaron, por segundo ano consecutivo, roteiros de sendeirismo ao Monte Gaiás. A actividade realizouse todos os mércores dos meses de xullo, agosto e setembro, sumando un total de 13 grupos que reuniron a 285 participantes. Os roteiros ao Gaiás formaron parte do programa Visitar, da Programación Cultural 2011 da Cidade da Cultura de Galicia. O percorrido ata a Cidade da Cultura iniciábase na praza de San Roque e dende aí encamiñábase cara ao parque de San Domingos de Bonaval, entrando polo acceso que pasa ao carón do CGAC e saíndo pola rúa do Rosario. Unha vez atravesada a rúa de San Pedro accedíase ao parque de Belvís, dende onde a camiñada se dirixía á veiga do río Sar, para ascender finalmente ao monte Gaiás pola calzada de Sar. Na Cidade da Cultura de Galicia realizábase unha visita guiada de aproximadamente unha hora de duración.