Pasar al contenido principal

A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acollerá actuacións musicais cada xoves dentro da iniciativa Campus Norte

O grupo Doctor Gringo será o primeiro nun proxecto aberto a todos os estilos musicais

O exterior da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC converteranse cada xoves durante este curso 2011-2012 nun escenario polo que pasarán formacións musicais nas que, cando menos, un dos seus integrantes sexa estudantes da USC. Será ao abeiro da iniciativa Campus Norte que nace do equipo Canal Campus da facultade compostelá co obxectivo de dar a coñecer e promocionar os conxuntos de música que conten entre os seus integrantes con estudantes da institución compostelá. A primeira actuación musical e a presentación pública do ciclo será este xoves 6 de outubro ás 12.30 horas a cargo do grupo Doctor Gringo, no que un dos membros é alumno da USC. O grupo será presentado pola actriz e cantante Teté Delgado. Logo da inauguración, poderase asistir de 12.30 a 13.00 horas á actuación dun grupo na entrada principal da Facultade de Ciencias da Comunicación. A proposta está aberta a todos os estilos musicais sen excepción: rock, pop, folk, hip-hop… Proxecto aberto á participación Nas formacións que queiran participar nas vindeiras semanas, cando menos un dos compoñentes ten que estar matriculado en titulacións da institución académica, aínda que tamén poderán actuar, en función da oportunidade, grupos coñecidos que colaboren desinteresadamente con este proxecto. Para facilitar o desenvolvemento das actuacións a organización achega toda a amplificación (backline e PA) ademais da batería e teclados, para que os músicos só teñan que levar os seus instrumentos e non teñan necesidade de transportar material pesado. A inscrición farase conforme ás instrucións facilitadas en www.canalcampus.es. A iniciativa está patrocinada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) con motivo do Ano da Música e conta coa colaboración da USC e da firma Emsac. Está organizada polo equipo Canal Campus (www.canalcampus.es), coordinado por Xaime Fandiño, que traballa no eido dos Popular Music Studies (estudos da música popular) desde unha perspectiva comunicacional. Para ampliar información pódese contactar a través do correo electrónico xaime.fandino [at] usc.es (xaime[dot]fandino[at]usc[dot]es) ou do móbil 653 324 436.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.10.2011.