Pasar al contenido principal

Comezou no Grove o XIV Foro dos recursos mariños e da acuicultura das rías galegas

O Hotel Hesperia da Illa da Toxa é unha vez máis o escenario do ‘Foro dos recursos mariños e da acuicultura das rías galegas’ que este ano chega á súa décimo cuarta edición. A inauguración do evento tivo lugar este xoves coa asistencia de representantes da Universidade de Santiago de Compostela, da Consellaría do Mar, da Deputación Provincial de Pontevedra e do Concello do Grove. Logo da apertura interveu o director do Campus do Mar recoñecido como Campus de Excelencia Internacional en 2010 polo Ministerio de Educación. Emilio Fernández Suárez explicou que o proxecto liderado pola Universidade de Vigo e promovido polas tres galegas, o Consello Superior de Investigacións Científicas e o Instituto Español de Oceanografía busca converterse en dinamizador dunha rede transfronteriza e integrada de unidades de investigación, docencia e transferencia de tecnoloxía. En palabras do presidente do comité organizador, o profesor da USC Manuel Rey- Méndez, "as alianzas e intercambios de información que se dan cada ano no foro permiten realizar unha radiografía do sector e compartir as nosas experiencias con outras comunidades autónomas e con investigadores e empresarios de diversas partes do mundo, identificando áreas de traballo comúns para a pesca e a acuicultura". O cultivo do atún vermello e de sementes de ameixa en batea, a acuicultura multitrófica e a súa proxección en Galicia, o etiquetado ou as novas especies que desprazaron ás tradicionais nos cultivos mariños son algúns dos temas a tratar nestas dúas xornadas, nas que participan 23 expositores a través de cinco mesas de traballo: Marisqueo e pesca de baixura; Acuicultura; Empresa e recursos; Sustentabilidade; e Biotecnoloxía. Contarase ademais con dúas charlas maxistrais sobre a pegada do carbono e a súa aplicación na acuicultura, o mexillón e o rodaballo e sobre a Estratexia Galega de Acuicultura a cargo do investigador da USC Ian Vázquez Rowe e do director xeral de Competitividade e Innovación, Juan Maneiro Cadillo, respectivamente. Actividades paralelas Aproveitando o encontro, a Fundación Observatorio Español da Acuicultura (OESA) presentará os libros Ingeniería de Acuicultura, La crianza de corvina, Las enfermedades de moluscos de interés en acuicultura e El cultivo de rodaballo da autoría de Daniel Beaz, Salvador Cárdenas, Antonio Figueras eJosé Luis Rodríguez, respectivamente. Finalmente, na tarde do venres 7 desenvolverase o XXIII Ciclo Cultivando o Mar que se organiza xunto coa Confraría de Pescadores do Grove. Este ano centrarase nos cultivos emerxentes como o ourizo de mar, os poliquetos e o percebe.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.10.2011.