Pasar al contenido principal

Remata o prazo para matricularse nunha nova edición do Curso de Formación Básica en Voluntariado

Este xoves 6 remata o prazo para matricularse no Curso de Formación Básica en Voluntariado que permitirá aos universitarios un mellor servizo na organización non lucrativa na que colaboren e un maior aproveitamento persoal das súas actividades. A desenvolver no mes de outubro en Lugo e Santiago polo Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, o curso está recoñecido con dous créditos de libre configuración sempre que se realicen o 90 por cen do total das horas e coa entrega dun informe final para a avaliación do aproveitamento. As xornadas, que terán lugar os días 8 (só en Santiago), 14, 15, 21 e 22 de outubro e o 5 de novembro (só en Lugo) están destinadas a todas as persoas interesadas en afondar no coñecemento das distintas accións que se están a levar adiante de cara a estimular a participación e o emprendemento social. As temáticas a abordar incidirán en aspectos relativos á atención á diversidade, inmigración e interculturalidade, voluntariado e idade, cooperación ao desenvolvemento, educación para o desenvolvemento, voluntariado e saúde, medioambiente e TIC e participación social. Os contidos dos programas son os mesmos en Compostela e Lugo aínda que a orde de desenvolvemento é diferente. As propostas das organizacións en cada ámbito correspóndense coas actividades e organizacións que propoñen accións en cada campus. Así, en Santiago coñeceranse as experiencias de AFEXDI e ASPERGA, da Asociación de Veciños Sandra Prego Rial, Médicos do Mundo, programas de Coñecemento da Realidade, Equisol, Altarir, Unidade de Desordes da Alimentación, USC en Transición e Centro Documental para a Vida Independente. En Lugo presentarán as súas accións Cogami, a Fundación Secretariado Xitano, Alume, CERAI, a Asociación Valponasca, a Fundación Juan Soñador e a Aula Virtual do SEPIU, ademais de USC en Transición e programas de Coñecemento da Realidade. As persoas interesadas en conseguir máis información poden poñerse en contacto co Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC nos Campus de Santiago e Lugo nos teléfonos 881812858 // 881812859 // 982 285 900 ext 23594.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.10.2011.