Pasar al contenido principal

José Manuel Silva explicou en Lugo as perspectivas da reforma da PAC

José Manuel Silva explicou en Lugo as perspectivas da reforma da PAC
José Manuel Silva explicou en Lugo as perspectivas da reforma da PAC

As perspectivas financeiras da reforma da Política Agrícola Común (PAC) da UE foron obxecto de análise da conferencia que o director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva Rodríguez, pronunciou no Máster en Xestión sustentable da Terra e do Territorio no campus de Lugo. O director xeral debuxou as principais liñas dos cambios introducidos na proposta de política agrícola e de desenvolvemento rural presentada hai uns días polo comisario europeo de Agricultura, Dacian Ciolos. Na súa intervención destacou o paso das axudas aos agricultores baseadas en dereitos históricos cara a un pago lineal por superficie e por rexións homoxéneas. Ademais, a Comisión propón avanzar no concepto de "greening" de xeito que as axudas aos agricultores se liguen cada vez máis á súa función como provedores de bens públicos ambientais e paisaxísticos. Ademais, a proposta incorpora un réxime simplificado para os pequenos agricultores co obxecto de reducir ao máximo o esforzo de xestión. José Manuel Silva tamén falou do cambio na definición de agricultor activo e de modulación das axudas para os maiores perceptores (o chamado ‘capping’), aspectos de gran controversia na actual definición das axudas da PAC. En materia de desenvolvemento rural, o experto explicou o mantemento de medidas clásicas que a Comisión considera importantes para o futuro das áreas rurais como son as axudas á incorporación de novos agricultores, o fomento da agricultura ecolóxica e outras actividades agroambientais e a eficiencia enerxética. Paralelamente fixo énfase no esforzo en materia de investigación e innovación para impulsar a denominada "agricultura baseada no coñecemento" e nos partenariados entre os agricultores e a comunidade científica e investigadora. No coloquio posterior á conferencia púxose de manifesto o papel que terán estados e rexións para adaptarse ao marco xeral e definiren as súas estratexias. No caso de Galicia, destacou a necesidade de afrontar decididamente a ordenación territorial e a mobilización produtiva da terra para aproveitar as potencialidades desta nova reforma.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.10.2011.