O embaixador de Venezuela en España reflexiona en Ciencias da Comunicación sobre a nova era da integración latinoamericana
O embaixador da República Bolivariana de Venezuela en España, Bernardo Álvarez Herrera, analizará nunha conferencia na Facultade de Ciencias da Comunicación a nova era da integración latinoamericana, con especial énfase nas institucións multilaterais como UNASUR, CELAC e o Alba-TCP, así como o papel de Venezuela dentro deste contexto xeopolítico. ‘Perspectivas sobre a integración latinoamericana e o papel de Venezuela’ é o título da conferencia que comezará ás 11.30 horas no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación Bernardo Álvarez Herrera Docente universitario, deputado, representante venezolano en organismos internacionais, Bernardo Álvares Herrera (Venezuela, 1956) desprega no seu currículo actividades diversas que o levaron ao terreo diplomático, internacional, parlamentario e académico. Así, foi profesor da Escola de Estudos Políticos e Administrativos e na Escola Superior das Forzas Aéreas, así como asesor académico do Instituto de Altos Estudos da Defensa Nacional. Logo da súa etapa como docente, achégase ao ámbito parlamentario logo da súa elección como deputado do Congreso (1994-1999), eido no que sería vicepresidente da Comisión de Defensa e presidenta da de Enerxía e Minas da Cámara de Deputados. En 1999 é nomeado representante por Venezuela ante o Consello de Enerxía dos Estados Unidos, ademais de asumir a coordinación principal por Venezuela no acordo de cooperación entre o Ministerio de Enxería e Minas venezolano e o Departamento de Enerxía norteamericano e do grupo de traballo entre o mesmo ministerio e o de Industria da República Francesa. Bernardo Álvarez foi ademais viceministro de Hidrocarburos en 2000, e embaixador nos Estados Unidos entre 2003 e 2010. Ademais é autor de dúas publicacións sobre política e proceso de formación das leis en Venezuela, o gasto militar neste país e sobre débeda externa e crise do modelo de desenvolvemento.