Pasar al contenido principal

Profesionais e expertos universitarios fan unha posta en común respecto da transmisión de valores dende a comunicación deportiva

O seminario ‘A transmisión de valores dende a comunicación deportiva’ abordará unha reflexión global sobre as mensaxes de temática deportiva que os medios de comunicación difunden á sociedade. O seu desenvolvemento estenderase ao longo dos próximos oito meses, entre outubro e maio de 2012, cunha mesa redonda ou relatorio mensual na que intervirán comunicadores de calidade e recoñecemento nacional como Iñaki Cano, Santiago Segurola, Óscar Pereiro e Beatriz Pino, ou Fernando Hidalgo e Terio Carrera de La Voz de Galicia e a TVG, entre outros. A Facultade de Ciencias da Comunicación será o escenario no que se desenvolverá este encontro que tratará a comunicación deportiva dende un punto de vista poliédrico. Organizado por esta Facultade compostelá e a entidade de xestión de proxectos e eventos deportivos Áurea 5.0, o seminario desenvolverá todo un bloque teórico relativo a diferentes temas (a redacción e fotografía deportivas, a utilidade das redes sociais neste eido ou a animación) así como unha parte práctica tutelada por Áurea 5.0. Para os promotores desta iniciativa, expertos en xestión de eventos e proxectos deportivos, “é importante analizar de xeito conxunto, dende o ámbito académico universitario e dende a vertente práctica a través de comunicadores de prestixio, a mensaxe final que se está a trasladar á sociedade neste campo”. Así, xunto aos profesionais dos medios intervirán docentes da propia Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, como Carlos Toural para profundar na relación da información deportiva coas redes sociais. O seminario está aberto para estudantes e público en xeral, estando a disposición das persoas interesadas a web www.comunicaciondodeporte.com, onde tamén se pode formalizar a inscrición. A primeira das intervencións está prevista para o venres 28 de outubro, co relatorio de Iñaki Cano sobre ‘Pasado, presente e futuro do xornalista’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.10.2011.